Proel/O cruceiro
< Proel
O CRUCEIRO
O xesto monacal da pedra
benzoa o acougo da aldea...
Axiónllanse os camiños
abrazados ao cruceiro,
nunha azul eternidade
de pedra e ceo.
A agonía do sol-por
conmove o planto da terra,
e a paisaxe presígnase
con santas cruces de pedra.
A campaíña de prata
do día,
latexa un ángelus
de epifanía.
E o sol agoniante
ven a encravarse na cruz,
abrindo os marelos brazos
como o salvador Xesús.