Proel/O gaiteiro
O GAITEIRO
Na gayola de buxo do punteiro,
canta o lírico vento beilador
do campo amañecente, envolto en néboa,
chíos de verdeirol madrugador.
Os saloucos mollados da herba nova,
os baluzes esparsos do pai sol.
—Pol-as mans do gaiteiro pasa o río
das cantigas rizadas que hai no fol—.
Nos ollos orballados do gaiteiro
hai romaxes sin fin, tolos de cor,
angurías magnéticas do día
na sanguenta traxedia do Sol-por.
No seu xemer leva a gaita
afogado un corazón
e a alma da nosa terra
vai envolta na emoción.
Creouna o vento galego
e cando arele chorar
todol-os ríos do campo
dos seus ollos correrán.
E, no ergueito roncón da gaita celta,
todal-as curiscadas do delor,
pousaranse na frouma do seu canto,
dependuradas no choroso son.