Proposición non de lei para debate en Pleno, sobre a necesidade de dispor da edición dixital da Enciclopedia Galega Universal


Á Mesa do Parlamento


      O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa dos deputados Manuel Lourenzo Sobral e Daniel Castro García e da deputada Mercedes Queixas Zas, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para debate en Pleno, sobre a necesidade de dispor da edición dixital da Enciclopedia Galega Universal.


      EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


      No ano 1999 vía a luz por primeira vez a Enciclopedia Galega Universal. Dende entón, a EGU constitúe unha obra de referencia para a cultura e a lingua galegas, que ocupou un espazo que ata ese entón non contaba con obra propia de carácter asimilábel ao existente noutras linguas do estado.

      Na actualidade a EGU está conformada por 16 tomos, conta con máis de 30.000 ilustracións e máis de 250.000 entradas. Trátase dun traballo no que se investiron máis de 10 anos para a súa elaboración, no participaron máis de 30 redactores e no que se investiron máis de 6 millóns de euros.

      Despois da EGU, a editorial promotora, Ir Indo, elaborou tamén o dicionario Digalego. Este dicionario foi comprado pola Xunta de Galiza hai xa varios anos e pódese consultar en soporte web na súa páxina oficial.

      Ao igual que aconteceu co dicionario DIGALEGO, a EGU tamén foi comprada pola Xunta pero a diferenza do primeiro, a Enciclopedia Galega Universal non está colgada en ningún soporte web e polo tanto, a pesar de que a xunta é propietaria da obra, non pode ser consultada en versión dixital.

      Dende o BNG entendemos que o goberno galego, que se fixo con esta obra no seu momento, non pode privar as galegas e galegos do acceso en formato dixital a unha ferramenta, como é a EGU, da importancia que ten para a cultura galega.


      Por todo o exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para debate en Pleno:

      “O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a adoptar todas as medidas necesarias para poñer a disposición das galegas e galegos a Enciclopedia Galega Universal en soporte dixital.”


      Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022


Asdo.: Daniel Castro García

Mercedes Queixas Zas

Deputado e deputada do G.P. do BNG

Manuel Lourenzo Sobral

Viceportavoz do G.P. do BNG


Asinado dixitalmente por:


Daniel Castro García na data 15/12/2022 11:28:41

Mercedes Queixas Zas na data 15/12/2022 11:28:54

Manuel Antonio Lourenzo Sobral na data 15/12/2022 11:29:05


Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."