Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005/Preámbulo
Proposta de Estatuto para Galicia Bloque Nacionalista Galego 2005
Preámbulo
editarAFIRMANDO a nosa existencia como nación, explicitada nun feito histórico, lingüístico, cultural, socioeconómico e político de ampla raigame e singularidade,
CONSCIENTES de que foi ao longo da Idade Media cando eses trazos se foron definido até agromaren na Nación galega. A chegada dos suevos consolidou o marco político dun Reino de Galiza que, mediado o século VI, xa se aprezaba constituído. Nos séculos XII e XIII os avatares políticos dividiron este espazo galaico xurdindo Portugal. Na Galiza mantivéronse uns trazos específicos que permiten xa desde a baixa Idade Media identificar a Nación galega actual enfrontando os intentos centralistas de Castela nos séculos XIV e XV. O papel reivindicativo dos ilustrados precedeu aos grandes movimentos de defensa do país: o provincialismo, o galeguismo e, na actualidade, o nacionalismo.
AFIRMANDO o dereito ao noso autogoberno, a dotármonos dunha estrutura política propia e a definir a súa articulación institucional e administrativa acorde coa nosa condición nacional, así como a configuración do nivel de independencia ou dependencia a respecto doutras instancias, AFIRMANDO o noso compromiso esencial e irrenunciábel coa democracia e co dereito de todas as persoas e pobos a vivir en liberdade, NÓS, O POBO GALEGO, dámonos e aceptamos o presente Estatuto, que constitúe a norma fundamental e primaria da nación galega, e base para a relación co Estado español, coa Unión Europea e coas restantes nacións e pobos do mundo.
CONVENCIDOS de que o dereito ao autogoberno é de natureza fundamental, que non pode ser outorgado nin limitado, os galegos e as galegas declaramos a nosa libre e lexítima vontade de integrármonos na estrutura plurinacional do Estado español, aceptando un acordo constitucional de interpretación dinámica, evolutiva e aberta que debe conducirnos á construción dun Estado que avogue por unha Europa dos pobos, na que queremos ser recoñecidos en total igualdade con todos os demais países e cidadáns da Unión Europea.
CONVENCIDOS de que esa unión somente pode ser froito da libre vontade dos pobos, os galegos e galegas proclamamos conxuntamente a nosa identidade política, cultural e lingüística, o dereito a decidir sobre nós mesmos, e a nosa inequívoca vontade de colaborar na instauración dunha comunidade internacional que asuma o principio pleno da democracia universal. ASUMINDO plenamente os dereitos e garantías recoñecidos na Declaración Universal do Dereitos Humanos, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e nos demais instrumentos internacionais en materia de dereitos humanos.
COMPROMETIDO co seu progreso e avanzo, o Estatuto de Galiza garante o estabelecemento dunha sociedade democrática avanzada asente nos valores superiores da dignidade humana, da liberdade, da xustiza, da igualdade, do benestar e do pluralismo político no marco dunha orde social xusta e dun desenvolvimento económico sustentábel. Xa que logo, en uso da súa soberanía de decisión, o pobo galego ratifica o seguinte Estatuto de Galiza.
Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005 | Seguinte: Título preliminar |