Abrir o menú principal

Real Decreto 1465/1988, do 2 de decembro

Real Decreto 1465/1988, do 2 de decembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 11/1988, do 3 de maio, para a protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores.

A disposición derradeira primeira da Lei 11/1988, do 3 de maio, de protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores, preceptúa que o Goberno dictará as medidas e disposicións que resulten precisas para o desenvolvemento e aplicación do disposto na citada Lei. A estes efetos, procedeuse á elaboración do presente regulamento para o cal se tiveron en conta básicamente, as normas dictadas en materia de patentes, contidas na Lei 11/1986, do 20 de marzo e no seu regulamento de execución aprobado polo Real Decreto 2245/1986, do 10 de outubro.

O regulamento establece en primeiro lugar os trámites necesarios para obte-la protección rexistral destes produtos, dispoñéndose cales son os documentos que deben aportarse e o procedemento que deberá rexir. Todo iso de maneira moi similar ó establecido para as patentes. Un segundo grupo de normas contempla a inscripción no rexistro de topografías de tódolos datos relevantes dos expedientes que se tramiten ante o Rexistro da Propiedade Industrial.

Finalmente, conclúese cunha norma de carácter xeral que establece o carácter supletorio da lexislación de patentes naqueles casos nos que non exista unha norma expresamente aplicable ás topografías dos produtos semicondutores, sempre e cando tal norma non sexa incompatible ca natureza destes.

Na súa virtude, a proposta do Ministro de Industria e Enerxía, de acordo co Consello de Estado e previa deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 2 de decembro de 1988,

DISPOÑO:

Artigo Único

Apróbase o regulamento para a execución da Lei 11/1988, do 3 de maio, de protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores, que a continuación se inserta.

Disposición derradeiraEditar

Única

O presente Real Decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado».

Dado en Madrid a 2 de decembro de 1988.

JUAN CARLOS R.

O Ministro de Industria e Enerxía,

JOSÉ CLAUDIO ARANZADI MARTÍNEZ.

Regulamento para a execución da Lei 11/1988, do 3 de maio, para a protección xurídica das topografías dos produtos semicondutoresEditar

Artigo 1 Lugar de presentación

1. A solicitude de rexistro, prevista no artigo 4.1 da Lei 11/1988, do 3 de maio, poderá presentarse:

a) Directamente no Rexistro da Propiedade Industrial.

b) Nas Direccións provinciais do Ministerio de Industria e Enerxía, salvo no caso previsto no apartado c) seguinte.

c) Nos órganos competentes das comunidades autónomas que teñan recoñecida a competencia para a execución en materia de propiedade industrial.

d) Nas oficinas de correos, de acordo co artigo 66.3 da Lei de Procedemento Administrativo, do 17 de xullo de 1958.

2. Nos casos contemplados nos apartados b) e c) a unidade administrativa que recibise a solicitude remitiralla ó Rexistro da Propiedade Industrial.

Artigo 2 Solicitude

1. A solicitude de rexistro dunha topografía dun produto semicondutor só pode comprender e referirse a unha topografía.

2. A solicitude de rexistro deberá comprender:

a) Unha instancia.

b) Unha descrición.

c) Unha identificación ou representación gráfica.

d) Documentos complementarios, no seu caso.

3. Ca solicitude deberá acompañarse o xustificante de pago da tasa prevista no apartado 4.1 da disposición adicional primeira da Lei 11/1988.

Artigo 3 Instancia

A instancia pola que se solicita o rexistro deberá dirixirse ó director do Rexistro da Propiedade Industrial e estar firmada polo solicitante ou o seu representante. Nela deberán figura-los seguintes datos:

a) Que se solicita a protección xurídica da topografía dun produto semicondutor.

b) Nome e apelidos ou denominación social do solicitante, a súa nacionalidade e domicilio. Tratándose de persoas xurídicas identificaranse pola súa razón social ou de acordo cas disposicións legais polas que se rixan.

As persoas físicas deberán facer consta-lo número do seu documento nacional de identidade ou, a falta do mesmo, o de outro documento similar.

c) A designación do creador ou creadores da topografía do produto semicondutor; no suposto de que o solicitante non fose o creador ou o único creador, mencionarase cómo adquiriu o dereito á topografía.

d) A data de iniciación da primeira explotación comercial non segreda da topografía do produto semicondutor, cando dita data sexa anterior á data de presentación da solicitude de rexistro.

e) Se o solicitante está representado por un axente da propiedade industrial, o nome deste, o seu domicilio profesional e o seu código de identificación.

f) Un título sucinto e preciso da topografía do produto semicondutor. O título poderá inclui-los nomes dos produtos que compoñen a topografía e o ámbito de aplicación da mesma.

g) Unha declaración pola que se indique que a topografía do produto semicondutor é o resultado do esforzo intelectual do seu creador e non é corrente na industria de semicondutores.

h) Relación de documentos que se acompañan á solicitude.

Artigo 4 Descrición

A descrición da topografía do produto semicondutor comprenderá un texto redactado de forma clara e concisa, poidendo conter referencias á representación gráfica.

Na descrición poderá indicarse a utilización ou utilizacións a que está destinada a topografía.

Artigo 5 Identificación ou representación gráfica da topografía

1. A identificación ou representación gráfica estará constituida, en forma que revele a estrutura tridimensional, por debuxos, fotografías ou por ambos:

a) Dos esquemas para a fabricación do produto semicondutor.

b) Das máscaras ou parte das máscaras para a fabricación do produto semicondutor, ou

c) Das capas do produto semicondutor.

2. Ademáis da documentación mencionada que identifica ou representa a topografía, poderán presentarse soportes de datos nos que as capas da topografía estén rexistradas en forma codificada, listados destes soportes de datos ou mostras da topografía do produto semicondutor.

3. No suposto de que se deposite o material consistente nas mostras da topografía do produto semicondutor, aboarase a tasa prevista no apartado 4.2 da disposición adicional primeira da Lei 11/1988, do 3 de maio.

4. No caso de existir secredos comerciais, o solicitante deberá presentar, ademáis do exemplar orixinal da documentación e o material previsto nos apartados anteriores, un segundo exemplar cas partes segredas desfiguradas. Únicamente quedará sometido a consulta pública o exemplar desfigurado.

As partes segredas poderán marcarse ca letra S.

Artigo 6 Documentación complementaria

No seu caso, a solicitude deberá estar acompañada dos seguintes documentos complementarios:

a) Autorización firmada polo solicitante a favor do axente da propiedade industrial que o represente.

b) Declaración en documento público referente á data de iniciación da primeira explotación comercial non segreda da topografía do produto semicondutor, cando dita data sexa anterior á data de presentación da solicitude de rexistro.

c) Declaración relativa ás partes da documentación e do material que identifiquen ou representen a topografía do produto semicondutor que constitúen segredo comercial. En todo caso, deberá quedar asegurada a identificación da topografía.

Artigo 7 Normas xerais relativas á presentación dos documentos da solicitude.

Tódolos documentos da solicitude de rexistro deberán presentarse por triplicado e en formato A-4 (29,7 por 21 centímetros). Se resulta imprescindible presentar documentación que exceda de dito formato, aportarase plegada según formato A-4.

Artigo 8 Recepción de documentos

1. O funcionario da unidade administrativa que reciba a documentación fará consta-la data, a hora e o minuto da súa recepción, comprobará se se acompañan á instancia os documentos expresados na mesma e a remitirá, no seu caso, ó Rexistro da Propiedade Industrial.

Se se entregase nunha oficina postal, farase constar asimesmo, o día, a hora e o minuto da súa recepción.

2. Deberase facilitar ó solicitante un xustificante da entrega da documentación aportada.

Artigo 9 Data de presentación

1. Ós efectos do artigo 7.1, apartado b) da Lei, considerarase como data de presentación, aquela na que teña lugar de acordo co artigo 1.1 do presente regulamento, comprendendo a seguinte documentación:

a) A instancia da solicitude de rexistro.

b) A descrición da topografía.

c) A identificación ou representación gráfica da topografía.

d) O xustificante do pago da tasa por solicitude de rexistro.

2. Dentro dos dez días contados dende a recepción nas súas oficinas, o Rexistro da Propiedade Industrial rexeitará de plano, facendo a correspondente notificación ó interesado, as solicitudes que non conteñan os documentos mencionados no apartado anterior.

Artigo 10 Exame de solicitude

1. Admitida a trámite a solicitude, o Rexistro da Propiedade Industrial examinará se a mesma se axusta ó preceptuado nos artigos 2 a 7 do presente regulamento.

2. Asimesmo, comprobará no seu caso:

a) Se a tasa de deposito de material foi pagada.

b) Se a data de presentación da solicitude está comprendida dentro do prazo dos dous anos anteriores, contados a partir da data de iniciación da primeira explotación comercial.

3. Se como resultado do exame previsto no apartado anterior, a solicitude de rexistro presentase algún defecto, o Rexistro da Propiedade Industrial comunicará as obxeccións para que o solicitante, no prazo de dous meses, subsane os defectos ou efectúe as alegacións que estime oportunas en defensa da solicitude de rexistro.

Artigo 11 Resolución

1. Se do exame realizado conforme ó previsto no artigo 10, non resultan defectos que impidan a concesión ou cando tales defectos fosen debidamente subsanados, o Rexistro da Propiedade Industrial concederá o rexistro.

2. O Rexistro da Propiedade Industrial denegará a solicitud de rexistro cando subsistan defectos que non fosen debidamente subsanados no prazo otorgado ó efecto.

3. Publicaranse no «Boletín Oficial de la Propiedad Industrial» as mencións relativas á concesión ou denegación cos datos necesarios para a identificación da solicitude.

Artigo 12 Rexistro de topografías

1. No Rexistro da Propiedade Industrial levarase un rexistro de topografías de produtos semicondutores onde se inscribirán os datos identificativos do expediente, así como as mencións relativas tanto á tramitación das solicitudes de protección como as que afecten posteriormente á súa vida legal.

2. Particularmente, inscribiranse no citado rexistro cando así proceda, a data de iniciación da primeira explotación comercial non segreda da topografía do produto semicondutor, cando dita data sexa anterior á data de presentación da solicitude de rexistro.

Artigo 13 Consulta pública

1. O rexistro de topografías de produtos semicondutores estará aberto a consulta pública.

2. Asimesmo, poranse a disposición do público, unha vez publicada a mención de concesión, tódolos documentos da solicitude e, no seu caso, a mostra da topografía do produto semicondutor, sempre que non exista segredo comercial.

3. Os documentos e mostras mencionados no apartado 2 non poderán ser copiados nin entregados sen autorización do titular rexistral.

Disposición adicionalEditar

Única Aplicación supletoria da lexislación de patentes

En defecto de norma expresamente aplicable, rexirán para as topografías dos produtos semicondutores as disposicións do Regulamento de execución da Lei 11/1986, do 20 de marzo, de Patentes, sempre que non sexan incompatibles ca especialidade daquelas.

Entre outras, seranlle aplicables as normas relativas ós procedementos de concesión e transmisión de patentes.