Real Decreto 149/1996, do 2 de febreiro
Real Decreto 149/1996, do 2 de febreiro, polo que se amplía a protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores ós nacionais dos membros da Organización Mundial do Comercio.
O parágrafo primeiro da disposición derradeira terceira da Lei 11/1988, do 3 de maio, de protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores, autoriza ó Goberno para modifica-lo artigo 3.3 da mesma, ca fin de amplia-lo dereito á protección de persoas orixinarias de terceiros países ou territorios, que non pertenzan á Unión Europea e que non se beneficien da protección, cando así se estableza polos órganos da Unión Europea.
Pola súa parte, o Consello da Unión Europea, para responder á necesidade de armoniza-la lexislación comunitaria co Acordo sobre os aspectos dos dereitos de propiedade intelectual relacionados co comercio («Acuerdo ADPIC»), adoptou a Decisión 94/824/CE, do 22 de decembro, pola que se amplía, con carácter permanente, a protección xurídica dos produtos semicondutores ós nacionais dos membros da Organización Mundial do Comercio. Dita Decisión será aplicable a partir do 1 de xaneiro de 1996.
Facendo uso da autorización ó Goberno prevista na disposición derradeira terceira, primeiro parágrafo, da Lei 11/1988, do 3 de maio, e tendo en conta a Decisión 94/824/CE adoptada polo Consello da Unión Europea, procede ampliar, con carácter permanente, a protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores ós nacionais dos membros da Organización Mundial do Comercio.
Na súa virtude, a proposta do Ministro de Industria e Enerxía, de acordo co Consello de Estado e previa deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 2 de febreiro de 1996,
DISPOÑO:
- Artigo único Beneficiarios da protección
1. Benefíciaranse da protección prevista na Lei 11/1988, do 3 de maio, de protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores, as persoas físicas que sexan nacionais dun membro do Acordo polo que se crea a Organización Mundial do Comercio, ou estén domiciliadas no seu territorio.
2. Benefíciaranse da mesma protección as persoas físicas ou xurídicas cun establecemento real e efectivo para a elaboración de topografías ou a producción de circuitos integrados no territorio dun membro do Acordo polo que se crea a Organización Mundial do Comercio, que terán a consideración de persoas físicas ou xurídicas cun establecemento comercial ou industrial real e efectivo no territorio dun membro.
Disposición derrogatoria
editar- Única Derrogación normativa
Á entrada en vigor deste Real Decreto quedarán derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango relativas á ampliación da protección xurídica das topografías dos produtos semicondutores a persoas orixinarias de determinados países e territorios na medida en que amplíen a protección outorgada pola Lei 11/1988, do 3 de maio, a países ou territorios que son parte no Acordo polo que se crea a Organización Mundial do Comercio.
Disposición derradeira
editar- Única Entrada en vigor
O presente Real Decreto entrará en vigor o día siguiente ó da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado», surtindo efectos dende o 1 de xaneiro de 1996.
Dado en Madrid a 2 de febreiro de 1996.
O Ministro de Industria e Enerxía,