Tratado de París (1898)

Esta páxina forma parte dos Documentos históricos contidos en Wikisource.


MINISTERIO DE ESTADO
———
SECCIÓN DE CHANCELERÍA
Tratado de Paz celebrado entre España e os Estados Unidos de América en 10 de Decembro de 1898

S. M. a Raíña Rexente de España, en nome do seu Augusto Fillo D. Afonso XIII, e os Estados Unidos de América, desexando pór conclusión ao estado de guerra hoxeexistente entre ámbalas dúas Nacións, nomearon con este obxecto polos seus Plenipotenciarios, á saber:

   S. M. a Raíña Rexente de España a:

   D. Eugenio Montero Ríos, Presidente do Senado.

   D. Buenaventura de Abarzuza, Senador do Reino, Ministro que foi da Coroa.

   D. José de Garnica, Deputado Cortes, Maxistrado do Tribunal Supremo.

   D. Wenceslao Ramírez de Villa-Urrutia, Enviado Extraordinario e Ministro Plenipotenciario en Bruxelas.

   D. Rafael Cerero, Xeneral de División.

   E o Presidente dos Estados Unidos de América, a:

   William R.Day., Cushman K. Davis.

   William P. Frye, George Gray, e

   Whitelaw Reid, cidadáns dos Estados Unidos.

   Os cales reunidos en París, logo de haberse comunicado os seus plenos poderes que foron achados en boa e debida forma, e previa a discusión das materias pendentes, conviñeron nos seguintes artigos:

Artigo I

   España renuncia todo dereito de soberanía e propiedade sobre Cuba.

   En atención a que dita illa, cando sexa evacuada por España, vai ser ocupada polos Estados Unidos, os Estados Unidos mentres dure a súa ocupación, tomarán sobre si e cumprirán as obrigas que polo feito de ocupala, imponlles o Dereito Internacional, para a protección de vidas e facendas.

Artigo II

   España cede aos Estados Unidos a Illa de Porto Rico e as demais que están agora baixo a súa soberanía nas Indias Occidentais, e a Illa de Guam no Arquipélago das Marianas ou Ladróns.

Artigo III

   España cede aos Estados Unidos o arquipélago coñecido polas Illas Filipinas, que comprende as illas situadas dentro das liñas seguintes:

   Unha liña que percorre de Oeste a Leste, cerca do 20° paralelo de latitude Norte, a través da metade da canle navegable de Bachi, desde o 118° ao 127 graos de lonxitude Este de Greenwich; de aquí ao longo do cento vinte e sete (127) grao meridiano de lonxitude Leste de Greenwich ao paralelo catro graos corenta e cinco minutos (4° 45') de latitude Norte; de aquí seguindo o paralelo de catro graos corenta e cinco minutos de latitude Norte (4° 45') ata a súa intersección co meridiano de lonxitude cento dez e nove graos e trinta e cinco minutos (119° 35') Leste de Greenwich ao paralelo de latitude sete graos corenta minutos (7° 40') Norte; de aquí seguindo o paralelo de latitude sete graos corenta minutos (7° 40') Norte, á súa intersección co cento dez e seis (116°) grao meridiano de lonxitude Leste de Greenwich, de aquí por unha liña recta, á intersección do décimo grao paralelo de latitude Norte, co cento dez e oito (118°) grao meridiano de lonxitude Leste de Greenwich, e de aquí seguindo o cento dez e oito grao (118°) meridiano de lonxitude Leste de Greenwich, até o punto en que comeza esta demarcación.

   Os Estados Unidos pagarán a España a suma de vinte millóns de dólares ($20,000,000) dentro dos tres meses despois do troco de ratificacións do presente tratado.

Artigo IV

   Os Estados Unidos durante o período de dez anos a contar dende o troco da ratificación do presente tratado admitirán nos portos das Illas Filipinas os buques e as mercadorías españolas, baixo as mesmas condicións que os buques e as mercadorías dos Estados Unidos.

Artigo V

   Os Estados Unidos, ao ser asinado o presente tratado, transportarán a España, á súa costa, os soldados españois que fixeron prisioneiros de guerra as forzas americanas ao ser capturada Manila. As armas destes soldados seranlles devoltas.

   España, ao troco das ratificacións do presente tratado, procederá a evacuar as Illas Filipinas, así como a de Guam, en condicións semellantes ás acordadas polas Comisións nomeadas para concertar a evacuación de Porto Rico e outras Illas nas Antillas Occidentais, segundo o Protocolo de 12 de agosto de 1898, que continuará en vigor até que sexan completamente cumpridas as súas disposicións.

   O termo dentro do cal será completada a evacuación das Illas Filipinas e a de Guam, será fixado por ambos Gobernos. Serán propiedade de España bandeiras e estandartes, buques de guerra non apresados, armas portátiles, canóns de tódolos calibres coas súas montaxes e accesorios, pólvoras, municións, gando, material e efectos de toda clase pertencentes aos Exércitos de mar e terra de España nas Filipinas e Guam. As pezas de groso calibre, que non sexan artillería de campaña, colocadas nas fortificacións e nas costas, quedarán nos seus emprazamentos polo prazo de seis meses a partir do troco de ratificacións do presente tratado, e os Estados Unidos poderán, durante ese tempo, comprar a España devandito material, si ambos Gobernos chegan a un acordo satisfactorio sobre o particular.

Artigo VI

   España ao ser asinado o presente tratado, porá en liberdade a tódolos prisioneiros de guerra e a tódolos detidos ou presos por delitos políticos a consecuencia das insurreccións en Cuba e en Filipinas e da guerra cos Estados Unidos.

   Reciprocamente, os Estados Unidos porán en liberdade a tódolos prisioneiros de guerra feitos polas forzas americanas, e xestionarán a liberdade de tódolos prisioneiros españois en poder dos insurrectos de Cuba e Filipinas.

   O Goberno dos Estados Unidos transportará, pola súa conta a España, e o Goberno de España transportará pola súa conta aos Estados Unidos, Cuba, Porto Rico e Filipinas, con arranxo á situación dos seus respectivos fogares, os prisioneiros que poñan ou que fagan poñer en liberdade respectivamente, en virtude deste artigo.

Artigo VII

   España e os Estados Unidos de América renuncian mutuamente, polo presente tratado, a toda reclamación de indemnización nacional ou privada de calquera xénero dun Goberno contra o outro, ou dos seus súbditos ou cidadáns contra o outro Goberno, que poida xurdir dende o comezo da última insurrección en Cuba e sexa anterior ao troco de ratificacións do presente tratado, así como a toda indemnización en concepto de gastos ocasionados pola guerra.

   Os Estados Unidos xulgarán e resolverán as reclamacións dos seus cidadáns contra España, a que renuncia neste artigo.

Artigo VIII

   En cumprimento do establecido nos artigos I, II e III deste tratado, España renuncia en Cuba e cede en Porto Rico e nas outras illas das Indias Occidentais, na Illa de Guam e no Arquipélago das Filipinas, tódolos edificios, peiraos, cuarteis, fortalezas, establecementos, vías públicas e demais bens inmobles que con arranxo a dereito son do dominio público, e como tal corresponden á Coroa de España.

   Queda polo tanto declarado que esta renuncia ou cesión, segundo o caso, a que se refire o parágrafo anterior, en nada pode mingua-la propiedade, ou os dereitos que correspondan, con arranxo ás leis, ao posuidor pacífico, dos bens de toda clase das provincias, municipios, establecementos públicos ou privados, corporacións civís ou eclesiásticas, ou de calquera  outras colectividades que teñen personalidade xurídica para adquirir e posuír bens nos mencionados territorios renunciados ou cedidos, e os dos individuos particulares, calquera que sexa a súa nacionalidade.

   Dita renuncia ou cesión, segundo o caso, inclúe tódolos documentos que se refiran exclusivamente á devandita soberanía renunciada ou cedida, que existan nos Arquivos da Península.

   Cando estes documentos existentes en devanditos Arquivos, só en parte correspondan a devandita soberanía, facilitaranse copias de dita parte, sempre que sexan solicitadas.

   Regras análogas haberán reciprocamente de observarse en favor de España, respecto dos documentos existentes nos Arquivos das Illas antes mencionadas.

   Nas devanditas renuncia ou cesión, segundo o caso, áchanse comprendidos aqueles dereitos da Coroa de España e das súas autoridades sobre os Arquivos e Rexistros oficiais, así administrativos como xudiciais de devanditas illas, que se refiran a elas e aos dereitos e propiedades dos seus habitantes. Devanditos Arquivos e Rexistros deberán ser coidadosamente conservados e os particulares sen excepción, terán dereito a sacar, con arranxo ás leis, as copias autorizadas dos contratos, testamentos e demais documentos que formen parte dos protocolos notariais ou que se custodien nos Arquivos administrativos ou xudiciais, ben estes áchense en España, ou ben nas Illas de que se fai mención anteriormente.

Artigo IX

   Os súbditos españois, naturais da Península, residentes no territorio cuxa soberanía España renuncia ou cede polo presente tratado, poderán permanecer no devandito territorio ou marcharse del, conservando nun ou outro caso tódolos seus dereitos de propiedade, con inclusión do dereito de vender ou dispor de tal propiedade ou dos seus produtos; e ademais terán o dereito de exerce-la súa industria, comercio ou profesión, suxeitándose a este respecto das leis que sexan aplicables aos demais estranxeiros. No caso de que permanezan no territorio, poderán conserva-la súa nacionalidade española facendo ante unha oficina de rexistro, dentro dun ano despois do cambio de ratificacións deste tratado, unha declaración do seu propósito de conserva-la dita nacionalidade: a falta desta declaración, considerarase que renunciaron a dita nacionalidade e adoptado a do territorio no cal poden residir.

   Os dereitos civís e a condición política dos habitantes naturais dos territorios aquí cedidos aos Estados Unidos determinaranse polo Congreso.

Artigo X

   Os habitantes dos territorios cuxa soberanía España renuncia ou cede, terán asegurado o libre exercicio da súa relixión.

Artigo XI

   Os españois residentes nos territorios cuxa soberanía cede ou renuncia España por este tratado, estarán sometidos no civil e no criminal aos tribunais do país en que residan con arranxo ás leis comúns que regulen a súa competencia, podendo comparecer ante aqueles, na mesma forma e empregando os mesmos procedementos que deban observar os cidadáns do país a que pertenza o tribunal.

Artigo XII

   Os procedementos xudiciais pendentes ao se trocaren as ratificacións deste tratado, nos territorios sobre os cales España renuncia ou cede a súa soberanía, determinaranse con arranxo ás regras seguintes:

   I. As sentenzas ditadas en causas civís entre particulares ou en materia criminal, antes da data mencionada, e contra as cales non haxa apelación ou casación con arranxo ás leis españolas, consideraranse como firmes, e serán executadas na debida forma pola Autoridade competente no territorio dentro do cal ditas sentenzas deban cumprirse.

   II. Os preitos civís entre particulares que na data mencionada non sexan xulgados, continuarán a súa tramitación ante o Tribunal no que se ache o proceso, ou ante aquel que o substitúa.

   III. As accións en materia criminal pendentes na data mencionada ante o Tribunal Supremo de España contra cidadáns do territorio que segundo este tratado deixa de ser español, continuarán baixo a súa xurisdición até que recaia a sentenza definitiva; pero unha vez ditada esa sentenza, a súa execución será encomendada á Autoridade competente do lugar en que a acción se suscitou.

Artigo XIII

   Continuarán respectándose os dereitos de propiedade literaria, artística e industrial, adquiridos por españois nas Illas de Cuba e nas de Porto Rico, Filipinas e demais territorios cedidos, ao facerse o troco das ratificacións deste tratado. As obras españolas científicas, literarias e artísticas, que non sexan perigosas para a orde pública nos devanditos territorios, continuarán entrando nos mesmos, con franquía de todo dereito de aduana por un prazo de dez anos a contar dende o troco de ratificacións deste tratado.

Artigo XIV

   España poderá establecer Axentes Consulares nos portos e prazas dos territorios cuxa renuncia e cesión é obxecto deste tratado.

Artigo XV

   O Goberno de cada país concederá, polo termo de dez anos, aos buques mercantes do outro o mesmo trato en canto a todos os dereitos de porto, incluíndo os de entrada e saída, de faro e tonelaxe, que concede aos seus propios buques mercantes non empregados no comercio de cabotaxe.

   Este artigo pode ser denunciado en calquera tempo dando noticia previa diso calquera dos dous Gobernos ao outro con seis meses de anticipación.

Artigo XVI

   Queda entendido que calquera obriga aceptada neste tratado polos Estados Unidos con respecto a Cuba, está limitada ó tempo que dure a súa ocupación nesta illa, pero ao terminar dita ocupación, aconsellarán ao Goberno que se estableza na illa que acepte as mesmas obrigacións.

Artigo XVII

   O presente tratado será ratificado polo Presidente dos Estados Unidos, de acordo e coa aprobación do Senado, e pol súa Maxestade a Raíña Rexente de España; e as ratificacións trocaranse en Washington dentro do prazo de seis meses dende esta data, ou antes se posible fose.

   En fe do cal, os respectivos Plenipotenciarios asinan e selan este tratado.

   Feito por duplicado en París a dez de decembro do ano mil oitocentos noventa e oito.

   (Asinado) Eugenio Montero Ríos. =William Day.

   (Asinado) B. de Abarzuza. = Cushman K. Davis.

   (Asinado) J. de Garnica. = W. P. Frye.

   (Asinado) W. R. de Villa-Urrutia. = Geo. Gray.

   (Asinado) Rafael Cerero. = Whitelaw Reid.

   Este Tratado foi debidamente ratificado, e as ratificacións trocadas Washington o día 11 de Abril de 1899.


Véxase tamén

editar

  Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."