Truada de rapaces
Truada de rapaces Luís Otero Pimentel, El Eco de Galicia (A Habana) 1894
Avocar o nome de Lugrís noutra fala que non sea a agarimosa dos nosos avós, rebaixaría a crara testa do valente e xeitoso autor de “Soidades”. Por eso agora falarei como na miña aldea.
Aínda eu era neno, pro xa me espía solo, cando un día do vrao, indo prá escola, topei co “fillo do pai de Xuana” e xoguei con el unha ducia de formillas á estornela. Ganeille e non mas quixo pagar. Chameille pirata e el chamoume tramposo. Logo díxenlle ladrón e el repricando ¡reconcho! deume unha labazada.
Xa vin que cerrara os ollos cando eu cerrei os meus, e puxémonos a pelexar. Vendo que tiña máis forza, mordinno nunha orella, e el berrou ¡Cos dentes non!
Dempois turreille do pelo, mentras que el mallaba os meus cadrís, colléndome polo pescozo apretoume as gorxas e botoume o curuto da cabeza pró chao; astra que eu berrei ¿Non ves que hai lama?
A muller do Tecelán chegou a tempo; viña berrando ¡Condenado que o matas! De lonxe tiroulle o fuso, e a rente deulle ca roca. Entón el fuxeu, e aquela boa muller coseume as cirolas.
Xa era tarde e latei.
Boteime polos agros, escomenzando por meter os dedos nos buratiños dos niños de carrizo, feitos na hedra dos valos; e logo fun por los regueiros asexando os xilgueiriños que se esprumaban nas polas dos árbores, ou esparruñaban onde había vermes.
Dempois vin dúas lavandeiras (paxaros) que depenicaban unha espiga de trigo na leira de Xan de Pedreira, unha pomba que voaba pró souto de Fonte Boa, unha péga que fuxía de un lagarteiro, catro corvos que espaturraban un canciño morto na carballeira, un melro que asubiaba entre as follas dun cereixo, un carpinteiro (paxaro) que facía o burato pró seu niño; e unha laverca que rebulía no aire, con unha miñoquiña no pico.
Quixen asexala, e deiteime no fuíncho dun ruleiro.
Estaba alí moi caladiño, cando escoitei esta cántega:
Galán que estás no canizo
bota castañas pra baixo
que anque non teño mandil
apárochas no refaixo.
Era Marica de Arxe quen a viña entonando; a nena máis garrida, sinxela e feiticeira da veiga que xa facía tolear os rapaces.
Eu dixen pra min ¡Diantre de rapaza, vaime espantar a laverca!
Non quería que me vise, xa que de tanto quitarme, a min dábame vergonza; pro ela veume e díxome: ¡Ai nunca Dios me dera! ¿E que fas aí Luís?
—Xa o ves, estou deitado.
—¿Tes algunha queixa?
—Non teño ningunha.
—¡Este rapas é o diaño! Ti estás asexando os paxaros.
—Pode que acertes.
—¿E si o sabe túa nai?
—Como ti non llo digas.
—¡Seique estás tolo! Non serás ti máis calada que eu.
—¡Quen sabe!
—¿E topache moitos niños?
—Atopei un.
—¿De que é?
—Non lle puden ver os ovos.
—¿Queres amostrarmo?
—Eu non traballo pra outros; pro a ti amostrareicho.
Prantouse a carón de min e colléndome polas mans dixo con moita dozura: espílete home e vamos.
Botamos unha carreira pra ver quén corría máis, deitando o alcacén que topábamos cos pés; e ela chegou primeiro ó rente da silveira.
Amostreille o niño e dixo: ¿Como facemos pra ver os oviños? Ó que respondín: Eu farei de tallo.
¿Non mirarás pra riba?
—¡E por quen me tomas rapaza? Eu mirarei pra baixo.
Púxenme en catro pés, Marica agarrouse ás poliñas dun loureiro, e rindo como unha tola, lixeiriña como unha rula, subeu no meu lombo: decindo entramentras ¡Cuidado Luís, non mires pró Ceo!
O niño tiña dous melriños que aínda estaban xiando e e eu ofrecinlle un a Marica. Dempois foise moi leda e eu quedei pensando nela.
Pasou tempo: Marica topou con un larpeiro de Vilanova; fiouse del, e mordeuna unha cóbrega.
¡Coitadiña! non percataba que xogando de cote con lume, tiña que queimarse.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Hermida, Modesto, ed. (2003). Narradores ocasionais do século XIX (Relato breve) (PDF). CIRP. pp. 283–305. ISBN 84-453-3736-X.
Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos. As traducións poden non estar en dominio público.
|