Usuaria:Elvire/Follas novas

Texto traido da WSes, por estar en galego, o ficheiro vai lixo En espera de revisalo e abrir o artigo si necesario.

Follas novas

LIBRO PRIMEIRO

VAGUEDAS

I

Daquelas que cantan ás pombas i ás frores
todos din que teñen alma de muller;
pois eu que no as canto, Virxe da Paloma,
¡ai! ¿de que as terei?

II

Ben sei que non hai nada

novo en baixo do ceo,

que antes outros pensaron

as cousas que eu penso.

E ben, ¿para qué escribo?

E ben, porque así semos,
relox que repetimos
eternamente o mesmo.

III

Tal coma as nubes
que leva o vento,
i agora asombran, i agora alegran
os espacios inmensos do ceo,
así as ideas
loucas que eu teño,
as imaxes de múltiples formas
de estrañas feituras, de cores incertos,
agora asombran,
agora acraran,
o fondo sin fondo do meu pensamento.

IV

Diredes de estes versos, i é verdade,
que tén estraña insólita armonía,
que neles as ideas brillan pálidas
cal errantes muxicas
que estalan por istantes
que desparecen xiña,
que se asomellan á parruma incerta
que voltexa no fondo das curtiñas,
i ao susurro monótono dos pinos
da beiramar bravía.

Eu diréivos tan só que os meus cantares

así sán en confuso da alma miña,
como sai das profundas carballeiras,
ó comenzar do día,
romor que non se sabe
si é rebuldar das brisas,
si son beixos das frores,
si agrestes, misteriosas armonías
que neste mundo triste

o camiño do ceo buscan perdidas.
¡Follas novas!, risa dame

ese nome que levás,
cal si unha ben moura,

branca lle oíse chamar.
Non Follas novas, ramallo

de toxos e silvas sós,
hirtas, coma as miñas penas,

feras, como a miña dor.
Sin olido nin frescura,

bravas mágoas e ferías...
¡Si na gándara brotades,

cómo non serés así!
VI

¿Qué pasa ó redor de min?
¿Qué me pasa que eu non sei?
Teño medo dunha cousa
que vive e que non se ve.
Teño medo á desgracia traidora

que ven, e que nunca se sabe ónde ven.
VII

Algúns din ¿miña terra!
Din outros ¿meu cariño!
I éste, ¡miñas lembranzas!
I aquél, ¡os meus amigos!
Todos sospiran, todos,
por algún ben perdido.
Eu só non digo nada,
eu só nunca sospira,
que o meu corpo de terra
i o meu cansado esprito,
adondequer que eu vaia

ven comigo.
VIII

Alá, pola alta noite,
á luz da triste e morimunda lámpara
ou antre a negra escuridá medosa,

o vello ve pantasmas.
Uns son árbores muchos e sin follas,

outros, fontes sin auga,
montes que a neve eternamente cubre,
ermos que nunca acaban.

I ó amañescer do día,

cando ca última estrela aquéles marchan,
outros veñen máis tristes e sañudos,
pois a verdade amarga,
escrita trán nos apagados ollos

e nas asienes calvas.
Non digás nunca, os mozos, que perdeches

a risoña esperanza:
do que a vivir comenza, sempre é amiga;
¡so é nemiga mortal de quen acaba!...

IX

¡Paz, paz deseada!,
pra min, ¿ónde está?
Quixáis no hei de tela...

¡ni a tiven xamáis!
Sosego, descanso,

¿ónde hei do atopar?
Nos máis que me matan,

na dor que me dan.
¡Paz, paz, ti és mentira!
¡Pra min non a hai!
X

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa si era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal chorou Madalena na Pasión.
"Señor, que todo o podedes
-pedínlle unha vez a Dios-,
dáime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición".
E doumo Dios, arrinquéino,
mais... ¿quen pensara?... Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era dolor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica..., seica tiven soidades
daquela pena... ¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor!...

XI

Cando ún é moi dichoso, moi dichoso,
¡incomprensibre arcano!
cáxeque-no é mentira anque o pareza-

lle a ún pesa do ser tanto.
Que no fondo ben fondo das entrañas

hai un deserto páramo
que non se enche con risas nin contentos,

senón con froitos do dolor amargos.
Pero cando ún ten penas

i é en verdá desdichado,
oco no atopa no ferido peito,

por que a dor, ¡enche tanto!
Tan abonda é a desgracia nos seus dones,

que os verte, ¡Dios llo pague!, ós rezagados.
Hasta que o que os recibe

¡ai!, reventa de farto.
XII

Hoxe ou mañán, ¿quén pode decir cándo?
pero quisáis moi logo,
viránme a despertar, i en vez de un vivo

atoparán un morto.
Ó rededor de min levantaránse

xemidos dolorosos,
aies de angustia, choros dos meus fillos,

dos meus filliños orfos.
I eu, sin calor, sin movemento, fría,

muda, insensibre a todo,
así estaréi cal me deixare a morte

ó helarme co seu sopro.
E para sempre ¡adiós canto eu quería!

¡Qué terrible abandono!
Antre cantos sarcasmos,
hai, ha de haber i houbo,
non vin ningún que abata máis ós vivos

que o da humilde quietú dun corpo morto.
XIII

Xa nin rencor, nin desprezo,
xa nin temor de mudanzas;
tan só unha sede..., unha sede,
dun non sei qué, que me mata.
Ríos da vida, ¿ónde estades?

¡Aire!, que o aire me falta.
-¿Qué ves nese fondo escuro?

¿Qué vés que tembras e calas?
-¡Non vexo Miro cal mira
un cego a luz do sol crara.
Evou caer alí en donde

nunca o que cai se levanta.
XIV

Aquel romor de cántigas e risas,
ir, vir, algarear;
aquel falar de cousas que pasaron
i outras que pasarán;
aquela, en fin, vitalidade inquieta
xuvenil, tanto mal
me fixo, que lles dixen:

"Ivos e non volvás".
Un a un desfilaron silenciosos

por aquí, por alá,
tal como cando as contas dun rosario

se espallan polo chan.
I o romor dos seus pasos, mentres se iñan

de tal modo hastra min veu resoar,
que non máis tristemente
resoará quisáis
no fondo dos sepulcros

último adiós que un vivo aos mortos dá.
I ó fin sola quedéi, pero tan soia,

que oio da mosca o inquieto revoar,
do ratiño o roer terco e constante,
e do lume o chis chas,
cando da verde ponla
o fresco zugo devorando vai.
Parece que me falan, que os entendo,
que compaña me fan;
i este meu corazón lles di tembrando:

"¡Por Dios!... ¡non vos vaiás!".
¡Qué doce, mais qué triste,

temén é a soedá!

XV

A un batido, outro batido,
a unha dor, outro dolor,
tras un olvido, outro olvido,

tras un amor, outro amor.
I ao fin de fatiga tanta

e de tan diversa sorte,
a vellés que nos espanta,

ou o repousar da morte.

XVI Cando era tempo de inverno
pensaba en ónde estarías;
cando era tempo de sol
pensaba en ónde andarías.
¡Agora... tan solo penso,

meu ben, si me olvidarías!
XVII

Mais va que o meu corazón
é unha rosa de cen follas,
i é cada folla unha pena

que vive apegada noutra.
Quitas unha, quitas dúas,

penas me quedan de abonda;
hoxe dez, mañán coarenta,

desfolla que te desfolla...
¡O corazón me arrincaras

desque as arrincaras todas!

XVIII

Co seu xordo e constante marmurio
atraime o oleaxen dese mar bravío,
cal atrái das sirenas o cantar.
"Neste meu leito misterioso e frío
-dime-ven brandamente a descansar".

Él namorado está de min... ¡o deño!

i eu namorada dél.
Pois saldremos co empeño<,
que si él me chama sin parar, ¡eu teño

unhas ansias mortás de apousar nél...!
XIX

Ando buscando meles e frescura
para os meus labios secos,
i eu non sei cómo, nin por ónde, atopo
queimores e amarguexos.

Ando buscando almíbres que albimaren

estes meus agres versos,
i eu non sei cómo, nin por ónde, sempre

se lles atopa un fero.
I o ceo e Dios ben saben

non teño a culpa deso.
¡Ai!, sin querelo, tiña

o lastimado corazón enfermo.
XX

¡SILENCIO!
A man nerviosa e palpitante o seo,
as niebras nos meus ollos condensadas,
con un mundo de dudas nos sentidos
i un mundo de tormentos nas entrañas;
sintindo cómo loitan
en sin igual batalla
inmortales deseios que atormentan,
e rencores que matan;
mollo na propia sangre a dura pruma
rompendo a vena hinchada,
i escribo..., escribo..., ¿para qué? ¡Volvede
ao máis fondo da ialma,
tempestosas imaxes!
¡Ide a morar coas mortas relembranzas!;
que a man tembrosa no papel só escriba
¡palabras, e palabras, e palabras!
¿Da idea a forma inmaculada e pura

ónde quedóu velada?