Vagalumes/¡Son o mesmo!


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 





Non coides que sinto noxo
de ti, nin que teño a menos
falarche cando te atopo
na curtiña ou no portelo.
Sonche cal era denantes.
Son o mesmo.


Non me apárte-lo camiño,
nin me repares de esguello
cando me vexas chegar
baixando cara ó quinteiro.
Non che gardo aquel ningún.
Son o mesmo.


Coida ben de non virarte
vermella, se é que ó turreiro,
antre cántigas e aturuxos,
cos outros mozos eu chego.
Non lles contei ren de ti.
Son o mesmo.


Ben sei que fuches lixeira
veleta que move o vento;
mais non por eso eu acocho
rencor algún nin desprezo.
Nin migalla me troquei.
¡Son o mesmo!