Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



A Galicia


Tanto che quero, Galicia,
tanto cariño che teño,
que morro se é que estou lonxe
do teu colo feiticeiro.


Fóra de ti, terra amada,
vivir non pode o galego,
como non pode vivir
sin agarimos o neno.
Ti atraes ó teu regazo,
de amor e ternuras cheo,
a tódolos que mamaron
o leitiño dos teus peitos;
ós que ti acobexache
no teu colo, de pequenos,
e aqueles que acalentache
co alentiño dos teus beixos.
Por ti, de lonxanas terras,
sospiran, meu chan galego,
aqueles que te deixaron
por mor de buscar sustento;
os que en ti, cando rapaces,
a xogar adeprenderon
e viron en ti do sol
os resprandores primeiros;
os amantes dos teus campos,
de louzanía cubertos,
das outas cumes dos montes,
polas chorimas marelos;
da amenidá dos teus vales,
da maxestá dos teus tempros,
a onde as nais van por rezar
polos fillos que perderon;
do marmurar das fontelas,
do encanto dos teus regueiros,
que por montes e campías
escorregan cantareiros,
das túas fermosas praias,
nas que batisca o ouceno,
e do cantar dos teus bardos
e poetas, que os seus versos
esquirben no teu falar
tan meloso, tenro e meigo...


Galicia, nai cariñenta,
non sei que tes no teu seo,
pois é imposibre que poida
lonxe de ti o galego
vivir, sin que da saudade 18 ...,
da morriña... no seu peito
non sinta a enfermedá
que o leva á cova mesmo.


Tanto che quero, Galicia,
tanto cariño eu che teño,
que morro se é que estou lonxe
do teu colo feiticeiro.