Vagalumes/A fonte das meigas
Hai unha fonte
na miña terra
que a xente chama
fonte das meigas,
e o que, con sede
chegando a ela,
das súas ágoas
beber se estreva,
disque, endiante,
dores e penas
sinte decote
soio e tristezas.
Hai unha fonte
na miña terra
que a xente chama
fonte das meigas.
Eu, que fun sempre
rebelde ás crenzas
que ten o pobo
tocante a meigas,
trasgos e bruxas
e cousas desas;
moi arrufado,
con moita aquela,
sin facer creto
de tal creenza,
alá me fun
—¡ben se me lembra!--
de cara á fonte,
que din das meigas.
Do mes de maio
unha tarde era.
Ó ver suas ágoas,
craras e frescas
agurgullando
por antre as penas,
sentín degaros
e sede delas 65.
Axoenlleime
sóbor das herbas,
e, abaixándome
encol da presa,
bebín..., bebín...
e sentín pena
non ter máis sede,
porque de tela
bebendo un ano
seica estivera.
Tal de sabrosas
e frescas eran
da fonte as ágoas
que din das meigas.
¡Nunca alí fora!
¡Nunca eu bebera!
Dende aquel día,
decote penas
sinto e pesares,
dores, tristezas;
vexo visións,
soño quimeiras
e ando sempre
pensa que pensa
e cavilando
cousas segredas,
que nunca logro
realidá velas.
¡Ai! Dende estonces,
¿quen o dixera?,
creo na fonte
que din das meigas.
Hai unha fonte
na miña terra,
que a xente chama
fonte das meigas,
e o que con sede
chegando a ela,
das súas ágoas
beber se estreva,
terá a cotío
moi fondas penas,
que eu ¡ai! bebinas,
e agora... ¡téñoas!...