Vagalumes/Agoiros de morte


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



Agoiros de morte


O moucho, que espalla no pinal veciño
berros agoirentos. Logo, un can que oubea,
cal no ar ventando farturenta prea
de carne fedenta, pra o norte o fuciño.


Un cheiro de cera por xunto ó camiño
moi forte sinteuse; e a Santa Estadea
rondou pola noite o fondo da aldea
por diante da porta da cas de Soutiño.


¡Dios a colla en gracia! ¡E tan nova inda!
De tódalas mozas ela era a máis linda.
Nin siquera unha queda do seu xeito.


¡Quen onte o dixera!... ¡Doulle de repente!...
Ouín e mirei: un fato de xente
e unha nai chorando tras un cadaleito.