Vagalumes/Alborada
¡Hosanna, galegos! Cantemos sin medo,
co curazón ledo,
ó novo Moisés.
¡Hosanna! O Tirano ferido agoniza,
e a nobre Galiza
xa é libre outra ves.
Xa se ouce a campana tocar de alegría,
cal na romaría
do santo patrón;
e todos entenden que neses repiques
nos di que os caciques
o que eran non son.
O sol da Galiza máis craro xa brila,
e é porque na vila
finou o siñor;
xa en tódalas bandas se escoita a alborada
que anuncia a chegada
dun tempo millor.
Ouh bardos, poetas..., no outo do Ceo
do voso deseio
o berro se ouceu;
e Dios, atendéndoo, mandou de repente
un raio que á xente
non santa fireu.
¡Ouh celtas escravos, de vinga sedentos,
xa non máis lamentos,
xa non máis chorar;
que rotas xa tedes as fortes cadeas,
e as sagras 29 ideas
podés xa ceibar!
¡Ben lonxe! No monte, cavade un burato,
pra nel ese fato
de mortos botar.
Mais tede ben tino non quede buxeiro,
pois temo que o cheiro
nos veña apestar...
E logo, enterrados, termade que un verme
— poidera ser xerme --
non saia de alí;
e así nosos fillos, se é que isto facemos,
xa non os veremos
fuxir máis de aquí.
¡Hosanna, galegos! Cantemos sin medo,
co curazón ledo,
ó Libertador.
¡Xa en toda Galiza se escoita a alborada,
que anuncia a chegada
dun tempo millor!..