Vagalumes/As miñas canas


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



As miñas canas


A ti, que fuches quen arreparaches en min os tres primeiros fíos de prata e quixeches arrincarmos... ¿Lémbraste?...A ti, que conseguiches facer que aquela sera deixase fondos recordos na huchiña de meu peito, van istes versos. Ó lelos, terás de evocar aqués momentos... Cativos son, por seren meus; mais xuro que ti has de achalos os millores. Abonda, pois. Doume xa por satisfeito.


¡Miñas tres primeiras canas,
meus prateados cabelos,
que vindes de mozo
trocarme nun vello!
¿Por que temerosos chegades­?, dicide,
¿ou é que vergonza sentides e medo?
¡Brotade con brío,
chegá sin recelo!


Non sós resultado
dos anos que eu teño,
mais si do gran feixe de mágoas e dores,
que o meu fado adverso
enriba botoume das costas
e casque non rexo.


Vós sóde-la neve
dos recios invernos,
que ¡ai! troncharon os gromos noviños
dos meus pensamentos.


Co curisco vindes,
que ¡ai! esgazou fero
a galliña tenra, donde comenzara
—sua carce rompendo--
a frolecer a rosiña santa,
¡a santa rosiña de espiñas de aceiro!...
............................
............................
¡Ben vidos, meus fíos de prata!
¡Brotade con brío,
chegá sin recelo!;
que, por serdes froito de dores e mágoas,
¡ouh, como eu vos amo!
¡ouh, como eu vos quero!


Do eterno loitar,
do bregar sen termo
contra do malfadado destino
vós sóde-lo prémeo.


Chegás inda hoxe,
pro, debestes chegar xa de hai tempo,
que moito hai que loito,
que moito hai que brego.


Meus fíos de prata,
meus brancos cabelos,
¡ouh, como eu vos amo!
¡ouh, como eu vos quero!
Tal os mártires aman a croa
que atopan no Ceo,
a croa que Deus lles ofrece
como prémeo dos feros tormentos,
que acó nesta vida
acoller resinados souperon.
¿Por que temerosos chegades?, dicide,
¿ou é que vergonza sentides e medo?
Brotade con brío,
chegá sin recelo;
que, por serdes froito de mágoas e dores,
¡ouh, como eu vos amo!
¡ouh, como eu vos quero...!


ENVÍO


A ti, ouh nena dos ollos verdes,
dos ollos glaucos, dos ollos meigos,
que soupeche unha croa tecerlle
con fíos de prata —con santos cabelos--
pra aquel poeta
que rimou versos
ó mirarte cal nova Penélope
ora tecendo, xa destecendo;
pra aquel poeta
que no fondo máis fondo do peito
sinteu tuas miradas
tal dardos de aceiro
do neno Cupido,
do escachado fillo de Venus;
pra aquel poeta
que veloute dormenta no leito
e que tamén teceuche unha croa
con fíos de ensono —dourados cabelos—.
A ti van hoxe
istes meus versos
cubizosos de vérense diante
dos teus ollos meigos.
¡Que os acollas che prega o poeta,
que a ti voa tamén no silenzo!...


Codeseda, agosto 1925