Vagalumes/Eu teño un paxariño
Nunha gaiola vella, repintada
dun color subido de amarelo,
eu teño un paxariño, que hai que velo
como desfolla cantos na alborada.
Un ledo pintasilgo miudiño
—ofrenda e don preciado dun amigo—,
que nado foi nas gallas dun caxigo,
onde seus pais fixeran brando niño.
¡Ouh meigas armonías! Dende o día
en que na casa canta, hai alegría,
esa alegría santa que namora;
e hastra se me antoxa que a dor miña
fuxeu, e no seu canto agora aniña
unha saudade vaga e benfeitora.