Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



Meu dor


I


Cando alguén se doi do corpo
ós homes de cencia acode
pra que o escoiten, o apalpen,
e o sanden daquel dore;
mais, se é que un se doi da i-alma,
¿a quen se acode?


Un mal cativo alá dentro
de min de hai tempo que roe,
con un roer tan extrano,
con un roer tan treidore,
que, ben sexa noite ou día,
na casa ou fóra me atope,
esperto ou dormento esteña,
el en min rila decote,
e decote me atromenta
con tromentos os máis fortes.
¿Quen deste meu dor —dicide--
sandarme pode?


Percorrín moitas cibdades
na precura dos doutores,
mais, de todos, nin un soio
acertoume co meu dore.


Acollinme ós menciñeiros
nas aldeas, pro non poiden
atinar con un siquera
que alixeirase o meu dore. 91


Déronme herbas a pasto;
comín caldo feito en pote
virxe, e con unto de cobra;
bebín ágoa en sete fontes;
visitei trece cruceiros,
das doce á unha da noite;
puxéronme os esconxuros;
vin confesarse a dous monxes;
ouín tocar cen campanas,
todas en difrentes torres;
fun ofercido ó San Campio,
e ó San Andrés de lonxe;
ó Corpiño, ó Pedro Mártir,
e a Xende, a andar decote;
de xionllos subín á Grela
coa procesión polo monte;
mais o mal sempre a roer
e a rilar sempre máis forte.
¡Pra min xa non hai meiciña!
¿A quen se acode?


II


Cántame cantigas de facer chorar.
................................
................................
Cántame cantigas de dormir, sonhar!...
(Guerra Junqueiro, Os simples).




Ouh ti, nena de ollos meigos
e mouros coma o meu dore,
¿por que esa cantiga cantas,
tan triste ó tempo e tan doce?


Non cantes esa cantiga,
eu che prego, pois revolves
alá no fondo máis fondo
recordos, bágoas..., amores.


Mais, ¡ouh! ¿Ti choras? ¿Que tes?
¿Tamén ti seica te does?
.............................
.............................


Canta, canta esa cantiga,
tan triste ó tempo e tan doce,
meniña dos ollos meigos
e mouros coma o meu dore.


Codeseda, agosto 1925