Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 





Pra meu tío Gerardo Vázquez
con filial cariño.


¡Terra nai, verdecente Galicia!
¡Añoranzas da vida de neno!
¡Xuventude folgada!... ¡Ledicia!
¡Miña aldea! ¡Meu ceo pequeno!


Cal trebón hastra min vós chegades,
¡ouh recordos dos tempos millores!,
a cotío, e a cotío atopades
na miña alma máis feros doores.


Chagas novas abertas no peito
cada día deixás, ¡ai de min!,
e as meixelas me aburan a eito
miñas bágoas acedas sin fin.


¡Ouh lembranza! No porto unha nave,
—do poeta o "negreiro vapor"--
xente e xente a tragar, e non sabe
tanta xente a onde vai. ¡Forte dor!


Pais e fillos... Mulleres e nenos...
Antre adioses, acedo chorar.
Dimpois... soio de panos acenos
e o "negreiro" a fuxir polo mar.


Coitadiña da nai que aló espera
a chegada do fillo querido.
¡Ai! Non sabe que ó probe a máis fera
das doenzas o ten mal-ferido.


¡Ouh, se a sorte, lixeira anduriña,
a Galicia tuas azas guiara;
por ti un bico de amor á naiciña,
e unha aperta pra ela mandara!


Mais, se o sono xa eterno souperas
que ela dorme, non ouses voltar;
que ¡ai! a morte pra min me 124 trouxeras,
e eu morrer soio arelo alén-mar.


¡Terra nai, verdecente Galicia!
¡Añoranzas dos días millores!
Onte, neno, pra min só ledicia;
¡hoxe, home, pra min só amargores!...