Vagalumes/Na fala meiga


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



Na fala meiga


Fálame nesa fala melosiña,
que celestiales armonías ten;
fálame no lingoaxe da Terriña,
se é que me queres ben.
Lamas Carvajal


Co curazón choutando de amor e de ledicia,
Señor, a saudarvos achégome eu tamén:
deixádeme que o faga na fala de Galicia,
deste recuncho meigo, enfeitizado Edén.


Deixade que vos fale na doce fala nosa,
que no fogar paterno de neno adeprendín:
surrisas, amor e bágoa de nai agarimosa,
susurro de bris maina no pracenteiro abril.


Na fala que é nos beizos dos fillos desta terra
arrecender de rosas, arpar de reiseñor;
fungar dos piñeirales que se erguen na outa serra,
e pracidez nos vales coroados de verdor.


Na fala das decrúas, das mallas e espadelas,
esfollas e fiadas na hora do serán;
na fala en que debullan seus rezos as fontelas
e tece a cotovía seu canto cotián.


Na fala que é marmurio nas ágoas dos regueiros,
a un tempo queixa e himno na onda que se esfai;
cantiga nas regueifas, e á porta dos turreiros
atruxo que o ar fende nas noites de luar.


Falarvos hoxe quero na léngoa dos Chariños,
dos Pontes, Airas Núñez e Alfonso, o sabio rei;
Feixóo, Sarmiento, Andrade, Cernadas e os Camiños,
Macías, Martín Códax, Rodríguez e Camoens.


Na léngoa en que nos falan "As musas das aldeas",
os "Aires da terriña" e "A Virxe do Cristal";
na que, eisilado, Añón chorou bágoas a cheas,
e ós pinos rumorosos oeu queixar Pondal.


Na fala melosiña da excelsa Rosalía,
que en "Follas Novas" quixo a i-alma nos deixar;
na fala de Colón, que, o mar sulcando un día,
xurdir das néboas fixo un mundo pra nos dar.


Vós vides da Vasconia, rexión nobre e sinxela,
sandarnos a ferida que a Morte en nós abreu;
sentarvos na Cadeira da sagra Compostela,
das cinzas gardadora de Yago, o Zebedeu.


A Igrexa nestos días en Vós repara atenta
cal se unen nun abrazo virtú, cencia, valer;
España non se couta, e troula de contenta,
namentras a milleiros vos chegan parabéns.


Con vítores e hosannas acóllevos Galicia,
a aclámanvos os pobos en véndovos pasar,
nos beizos a surrisa, a faz toda ledicia,
e a paternal dozura no querendoso ollar.


Santiago —berce de héroes, de sabios e de artistas--
que abreu na historia patria ronseles de esprendor;
Santiago, onde a presenza, dempois de cen conquistas,
dun monxe coutar soupo as iras de Almanzor;


Santiago, o de Xelmírez, bo bispo e bo guerreiro,
que pra Galicia días de groria conquireu;
Santiago, cuia historia o gran López Ferreiro
de vellos pergameos e pedras recolleu;


Santiago, onde o recordo aceso escentilea
dos Vélez e os Fonseca, dos Cuesta e os Raxoi;
Payá, Martín de Herrera; de Lago e Alcolea:
¡os dous a quen a Morte cal lóstrego levou!


Santiago, a onde chegaron xa reises e raíñas,
guerreiros, grandes homes, xa pobos en romax
guiados por miriadas de estrelas velaíñas,
que abriron no outo ceo o vieiro de cibdá;


Santiago, a cibdá pétrea e de lumiosa historia,
a das estreitas rúas e dos moimentos mil;
a que orgullosa amostra seu Pórtico da Groria,
tesouro ademirado do zénit ó nadir,
................................................


acéndese hoxe en festas —foguetes e gaiteiro--
a bícavos de xionllos o anelo arcebispal,
namentras se dispón o gran Botafumeiro
a pasear airoso a nao da Catedral.