Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 





I


Por antre os touzales, decote descalzo,
tornando da avenza, coidando do gando.


Durmindo nas pallas, baixo dun pesebre,
e con estreliñas erguéndose sempre.


Seu cotián compango, un duro codelo;
e seu traxe novo, uns farrapos vellos.


Seu fiel compañeiro, con quen se entretiña,
o Tulo; co Tulo seu pan compartía.


Así un día e outro, unha noite e outra,
hastra que a traxedia lles foi caridosa.


II


Noite de Nadal, noite escura e fera.
Tulo e o pecoreiro ó Pazo non chegan.


Mais de tal ausencia ninguén se decata.
Oise a panxoliña que dous mozos cantan.


Neva e brúa o vento fóra que esterrece,
namentras no Pazo se folga e se bebe.


Día de Nadal, ó pé dun valado,
o pecoreiriño que coidaba o gando,


engoumado, exánime, de neve cuberto,
e cabo el o Tulo, seu fiel compañeiro.