Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



O espello


(Remorsos dun vello)

¡Tempos aqueles que xa fuxiron,
que xa se foron pra non volver!
Xa cantas veces ¡ai! me feriron
os resultados daquel pracer.


Agora é tarde. Vou indo vello:
éme imposibre xa atrás tornar.
Mociños novos, sonvos o espello
no que debedes ben vos mirar.


Eu fixen moitas cando era mozo,
fun, cal son moitos, un toleirón;
hoxe me pesa, pois xa conozo
os froitos deso que amargos son.


Nas loitas era sempre o primeiro;
as millors mozas tíñaas tamén;
mais, ora son xa un vellouqueiro,
ou, millor dito, ¡non son ninguén!


Praceres, gustos... ¡cantos eu quixen!
Pra este meu corpo nada faltou.
Pro, vede agora que do que fixen
os resultados pagando estou.


Gocei de mozo. Sufro de vello
os amargores daquel gozar.
Mozos de agora, ¡eis aquí o espello
pra a todas horas nel vos mirar!...