Vagalumes/O trebón
Fóra o vento berrega enfurecido,
dos carballos nas ponlas ó batere,
e un raio, que ó chan baixa a morrere,
no ar describe un zigzag encendido.
Estala o trono nun ronco estampido,
e hastra a terra parece estremecere.
¡Asolaga!... Empeza o río a enchere.
Fecha a noite... No escuro oise un laído.
Pola mañán, un sol de primaveira.
A xente, sin preguiza, deixa a cama,
os estragos chorando do trebón.
Na congostra, da súa casa á beira,
panza abaixo e a cara envolta en lama,
é un cadavre o corpo do tío Antón.