Vagalumes/Oxe houbo festa no Ceo
¡Carballeira do San Xusto,
carballeira derramada;
naquela carballeiriña
perdín a miña navalla!
(Canto popular)
Coa licencia desta xente:
señoritas, donas, cregos,
homes de toga, escolantes,
respetabres cabaleiros,
erguereime eu pra decirvos
que hoxe houbo festa no Ceo.
Co gallo da misa nova
deste amigo e compañeiro,
saín hoxe de Santiago
pola mañanciña, cedo,
e polo camiño viñen
maxinando todo tempo
no sagrifizo da Misa
e a dinidade do Crego,
e, deixando a fantasía
voar sin rendas nin vencellos,
non facendo uso da lóxica
dun modo xusto e concreto,
cheguei a dar coasemente,
verba máis ou verba menos,
ó que o pregador fai pouco
nos dixo de xeito esgrevio,
en períodos fermosos
e froridos se extendendo:
que hoxe é data siñalada,
que hoxe houbo festa no ceo.
¿Falar con Deus a miúdo?:
lendo o Testamento Vello,
vemos que aqueles Petrucios
coase a cotío o fixeron;
mais facer que Xesucristo
descese dos outos Ceos
sóbor das táboas do altar
pra nós como pan comelo,
eso nin siquera a Virxe
—e é sua Nai— pode facelo;
e en troques, con catro verbas
o fai calisquera crego:
decindo Hoc est corpus meum,
ás suas mans vén Deus correndo.
Polo tanto, ora decide
se n'hai no meu compañeiro
outa dinidade, que hoxe
por primeira vez fixo eso,
e por vez primeira Deus,
en frebe de amor ardendo,
nas súas mans repousou,
das especies baixo o velo.
As campaíñas da Groria
tringuelearían a un tempo,
e os coros dos Serafíns
cantarían diante o Eterno
o Sanctus, Sanctus tres veces
e o Gloria in excelsis Deo,
mentras sobre a ara erguía
a Vítima o novo crego,
e era un himno a Natureza
subindo da terra ós Ceos.
Por eso eu decirvos podo,
seguro do meu aserto:
que hoxe é data siñalada,
¡que hoxe houbo festa no Ceo!
¡Carballeira do San Xusto!,
beiras do Lérez lixeiro,
veigas, valgadas e montes,
frolecidas e encubertos
por amarelas chorimas,
unide o voso arrecendo
dos alegres paxariños
ó rechouchío algareiro,
ós armoñosos queixumes
dos fungadores piñeiros,
ás ledas notas da gaita
e ó maino zoar do vento
antre as follas dos carballos,
e dos vellos castiñeiros
antre as gallas ateigadas
de candeas e ouricelos;
ó marmullar das fontelas
e dos ríos cantareiros,
ó tanguer das campaíñas
e ós alalás dos romeiros;
ó perdín miña navalla,
que, como frecha de aceiro,
vai esvaírse lonxano
bailando nas ás do vento;
á ledicia deste día
e ó barullo e algueireo
desta festa de San Xusto,
e dos que ora eiquí, atentos,
estes versiños escoitan
cativos, pero sinceiros,
de quen chegou de Santiago
pra festexar a un xa vello
amigo nesta xornada
—día sagro, grande e ledo
prás almas cheas de fe--
e berrar coma ó comezo:
que hoxe é data siñalada,
¡que hoxe houbo festa no Ceo!