Vagalumes/Siluetas composteláns


Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 




A CATEDRAL


Unha montaña de pedra
con debuxos caprichosos,
onde, acochados, se gardan
inapreciabres tesouros.


A NORMAL


Bela portada románica
nunha casoupa empotrada.
Dentro, ledo rechouchío
de rapaces e rapazas.


A UNIVERSIDADE


Sabios mestres encadrados
dentro dun marco de pedra;
abigarrados discípulos,
¡máis abigarrada cencia!...


SAN PAIO


Un gran lenzo de sillares,
fiestras con enreixado,
onde debullan amores
corazóns santificados.


PAZO DE RAXOI


Soportales, balcoadas;
villeus, ediles, xuzgado.
Arriba, anxos cantores,
e o Apóstol cabalgando.


RÚA DO VILLAR


Soportales. Risas. Bágoas...
Chuvia, maina e miudiña;
e un León a devorar
toda caste de notizas.


RÚA NOVA


Penumbra nos soportales...,
falas de amor e promesas...
Remoíños de rapaces...
Teatros... Cine... ¡Indecencias!...


A FERRADURA


Un mirador ateigado
de somas de romantismo,
onde as arelas se espallan
en enervantes sospiros.


O PEDROSO


O fielato donde pagan
portasgo chuvias e néboas,
cando veñen visitar
as rúas de Compostela.


HOSPITAL


Portada renacentista,
por onde entran os doentes
tras da arelada meiciña
que a Caridá lles oferce.


MOIMENTO A SAN FRANCISCO


O granito feito fala
polo artista máis galego;
San Francisco a nos decir
quen inda non morreu Mateo.


HOTEL COMPOSTELA


Nun capitel apreixada
a inspiración de Asorey,
e un remedo de gran Pazo,
onde os ricos van comer.