Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 




Lá, nas noites caladas, cando todo é silenzo,
cando a xente da aldea dorme toda tranquía,
eu érgome a soñar, e a tola fantasía
vai forxando caprichos sobre un escuro lenzo.


Vai forxando caprichos; e as somas medoñentas
de seres ben-amados, da terra xa fuxidos,
con estreitos vencellos pra sempre a min xunguidos,
en riola de pantasmas desfilan, tardas, lentas...


Dende un piñeiro o moucho seu canto, que é lamento,
na escuridade ceiba, que vai nas ás do vento
a morrer esvaído na alonxada montaña.


Unha voz misteriosa se laia delorida,
cal do fondo da i-alma arrancada ou fuxida,
namentras pola aldea pasa a Santa Compaña.