Vagalumes/Sobre a fenestra
Sobre a fenestra da vida,
miña i-alma debruzada
a esculcar na inmensidade
as formas da irmán amada.
Sua voz sonou loumiñante
no meu vivir esquencido,
e vou tras dela correndo
na escuridade perdido.
As suas caricias sentín,
nos seus ollos me mirei,
e dos seus beizos resolio
de falas doces gustei.
¿Despois?... Da Dor as gadoupas
feriron meu corazón:
¡e a dita miña esgazada,
e morta miña ilusión!...
Levo no peito o desazo
e o peso da lonxanía,
e cabo a i-alma a friaxe
da máis crudel invernía.
A rentes das mágoas miñas,
o fel da espranza esvaída,
e encol do meu corpo endebre,
a soga da Dor cinguida.
Abreume o espazo vereda,
e vou camiño do Alén,
falando a quen non me escoita,
chamando a quen máis non vén..