Vagalumes/Sospiros de emigrado
Pra Pego Castro
Galicia,
berce dos meus amores,
xardín de frores,
patrio fogar;
Nas aras
do altar do meu peito
latexa a eito
o afán de a ti voar.
Nai santa,
que no teu doce colo
me deche arrolo,
vida e calor;
Pra ti
teu fillo desta banda
hoxe che manda
santos beixos de amor.
Pra ti
cobizando sustento,
con sentimento
te abandonei;
Destonces,
magoado de morriña,
de dor, naiciña,
bagullas que chorei...
Non vexo
aquí aquelas veigas
fertís e meigas,
que nesa hai;
Nin teño
a quen contar meus dores
e desabores,
nin consolos de nai...
Anduriña,
cando ¡ai! na primaveira
chegues voando lixeira
a aquel xardín;
Non te esquezas
de ir á miña casiña,
e á coitada naiciña
¡bicar de amor por min!..