Vagalumes       Xosé Manuel Cabada Vázquez       1931
 



Vítimas


Pra os galegos emigrados alén-mar.


I


- ¡Pepiño..., Pepiño...!
- Nanai, ¿que me quer?
- N'hai leña, filliño,
e vai a chover.
- Pois cale, siñora,
que a vou apañar
e en menos dunha hora
de volta hei de estar.
Vosté non se afane
nin sofra por nada...
¡Namentras non sane
se esté descansada...!
- Pois vaite, filliño,
e non tardes moito;
¡a ver, meu santiño,
se escapas enxoito...!


II


- Que non me afane nin sofra,
e que me esté descansada.
¡Que máis me ha de decir el,
filliño da miña i-alma!
¿Descansada...? ¡Foron tempos...!
¿Que non padeza...? ¿Ten trazas...?
¿Como n'hei de acorar eu,
vítima desa canalla
que se alcuma caciquismo
e non se adica a máis nada
que a apremear ó infelís
con terribres... crués xudiadas...?


Porque aquelas eleiciós
o meu home non votara
pra quen quería Don... —¡beizos,
non pronunciedes tal fala!—,
¡encolo de nós caíron
como cans nunha preada...!
Eles mataron ó abade,
porque escontra predicaba
da súa infernal doutrina...,
das súas atrós fazañas...,
e dimpois, como o diñeiro
neste mundo todo achanza,
buscaron testigos falsos
pra que con tesón xuraran
diante o xuez, que, como eles,
era un xuez sin entranas,
que o meu fillo e mais seu pai
—¿como n'hei de verter bágoas?--
foran os que deran morte
ó crego... —¡Siñor, vinganza!—...
¿Asesinos eles...? ¡¡Non!!
¿Sacrílegos...? ¡Virxe santa,
ti sabes que a nosa sangue
n'era de xente lixada...!


- ¡Que demuestren su inocencia!
— ¿E pra que...? ¡Non precisaban...!
¡Vós si que non podiades
legalmente demostrala...!
Mais tiñades polo rabo
a sartén ben apreixada,
e fixestes que o inocente
cos vosos crimes pandara...


- ¿Niegan que han sido? ¡Entonces
que prueben la coartada!
— ¡Probada a tiñan! Comigo
topábanse os dous na casa,
entramentras cabo a igrexa
o crime se perpetraba...
¡Pro empeñástesvos todos
e saístedes coa trama...!


¡N'houbo salvación posibre...!
Vendemos veigas e vacas
pra pagar os moitos gastos
que co esto se oucasionaran;
e ó fallo —¿e inda vivo?,
¿n'hei de estar esconsolada?—,
ó cabo, ós dous inocentes,
anacos da miña i-alma,
os mirei ir a un presidio
a purgar alleas faltas,
mentras que eu eiquí quedei
polas portas..., ¡desherdada!,
de toda a xente esquecida,
e sin creto... ¡pro sin mancha...!


¡Enferrollados na carce...!
¿E n'adoezo...? ¡Disgracia...!
En compaña de Pepiño,
que alenta as miñas espranzas,
vivindo vou, cal de esmola,
de morrer soio coas ánseas,
deitada nestes follatos...,
co esta frebe que n'acaba
¡de arrincarme a pouca vida
que inda me queda e me amarga...!


III


- ¡Santa Bárbara bendita...!
¡Pepiño...! ¡Non é...! ¡Lostrega,
e este meu fillo non chega!
¡Canto tarda...! ¡Santa Rita...!


Anoitece... ¡Como arría...!
¡E eu con frebe, Dios mío...!
¡Ardo en calor...! ¡Sinto frío...!
¡Ampárao, Virxe María...!


Non se ouce inda.. O vento brúa...
Meu filliño, ¿onde estarás...?
¿Cousa boa ti terás...?
¡Noite pecha...! ¡Non hai lúa...!


¡Vou tras del! ¡Outro pouquiño...!
Abreuse o portal... ¡Escoita...!
¡Foi o vento...! Non adoita
tardar tanto o meu Pepiño...


¡Azo, pois...! ¡Fóra...! ¡Son nai,
e el é un anaco meu...!
¡Non acougo...! É que o Ceu
me pregunta: ¿donde vai...?


¿Cara a onde eu irei? ¡Dios santo,
guiaime! ¡Virxe do Carme,
vinde ó meu lado ampararme!
¡Morrer onda el!... ¡Non aguanto!...
.....................................
¡Que caio!...¡ai!... ¡Non me le...van...to!...
......................................


IV


Era cedo. A xente tornaba
en tandas da misa,
que, domingo cando é, e aquel era,
van todos ouíla.
Mais, chegados que foron á aldea,
lles dou tía Xacinta,
—que da chouza xa viña, a onde fora
leva-las vaquiñas--
abraiada a notiza que a Chuca
mirara tendida
pé dun albre, que un raio rachara
do fondo hastra a cima,
cabo a aberta que a ágoa conduce
prós muiños da Birta.
- Eu, lles dixo, de alí arredeime,
pois medo sentía,
e Dios faga que certo non sexa,
mais... ¡coido n'é viva!


Polo fillo chamaron da Chuca,
que non os ouíra
anque un ano chamaran arreo
con canta alma tiñan...
Logo, todos (¡ni-un soio quedaba!)
coa tía Xacinta
cara ó sitio donde ela dixera
que a Chuca xacía,
ás carreiras colleron, anque era
de alí moi cerquiña.


¡Ouh disgracia —a unha escramaron—,
ouh cousa non vista!
¡Ouh castigo, quizaves, mandado
de Dios pola ira!...
¡Era certo! Non se trabucara,
non, tía Xacinta.
¡Alí estaba a Chuca, cadavre,
de costas pra riba,
abrazada ó fillo, que dela
debaixo, sin vida
se miraba, metá xa da cara
na area afundida,
que pra alí arrastrando levaran
xurradas da víspera;
¡e tan negro..., tan negro, Dios santo,
que o seu corpo un carbón parecía!...