Viutima d'o progreso


Viutima d'o progreso       Alfredo Nan de Allariz       1916
 



El Eco de Galicia n.º 899, Buenos Aires, 20/10/1916.


      —¿Que hai Fuquiño? E logo, ¿que viche de novo pola Cruña? Conta, hom!

      —Cala, hom, cala; que inda se me arrepía o corpo somentes de lembrar unha disgracia tremenda que presenciei. Indudabremente, hai seres infelices que veñen a iste mundo porcallán baixo a infruencia de malina estrela, seres de triste sino que a fatalidade escolle coma víutimas inocentes que inmolar nas aras do progreso.

      —E logo, ¿que foi, ho, que foi?

      —Verás. Atopábame eu no café Méndes Núñes ollando polas vidreiras cara á rúa Real, cando pasou a todo escape por alí un deses carricoches que andan solos, e que seica lle chaman «outromobles». De pronto, ouíronse berros angustiosos dos camiñantes: ¡Matouna, matouna! Saín correndo á rúa e puiden ver que o dito «outromoble» fuxía coma un foguete Cantón adiante. Un remuíño de xente axuntouse deseguida na esquina das rúas Nova e Real, de onde saían endebres e tristeiros queixidos, e cara alí dirixinme ás zancadas, ó mesmo tempo que da Fonda «Ferro-Carrilana» saían moi axitados, co terror retratado nos rostros, unha siñora i on siñor, que seica eran matrimonio.

      —«¡Ai, miña Estrela! ¡Estrela da miña vida!» —decía saloucando a siñora— «¿Como foi, como foi, si acaba de sopararse agora mesmo de nosoutros?».

      —Quixo cruza-la rúa, —dixo un dos circostantes— no preciso istante que pasaba o «outromoble», e foi atropellada sin que o «chóufere» poidese evitalo.

      O dito señor, abriuse paso a viva forza por entre o corrillo da xente, collendo nos seus brazos o infortunado corpo da víutima, a cal, nos derradeiros folgos de vida que lle quedaban, inda puido torna-los ollos cara a aquel home que tiña os seus preñados de bágoas, e deixando cae-la cabeciña, pesadamente sobre o peito, agonizou.

      —«¡Morta, Mercedes!» —dixo tristemente o siñor aquel, pousando no chau os mortales despoxos.

      —¿Morta? ¡Pobre Estreliña! —dixo ela chorando a fío.

      Dígoche que aquelo partía a ialma! Fóronse indo todos pouquiño a pouco, e alí, no medio da rúa, quedou abandonado o frío cadavre... dunha cadeliña de lanas, que caíra víutima do progreso.


Publicado en
El Eco de Galicia (Buenos Aires) n.º 899, 20/10/1916 [1]


Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos.
As traducións poden non estar en dominio público.