Wikisource:Texto destacado/Conto de guerra

Conto de guerra. — Camilo Díaz Baliño. 1928.


     O redor da lareira do vello pazo de San Fiz i-a carón do lume, nas noites d’invernía, meu abóo Xohan Ramón contábanos contos de loitas, contos de guerras, lembranzas da francesada, que tío Lourenzo, que fora cadete dos Reales Exercitos nos seus tempos mozos, e logo mandara unha Alarma, contáralle a él, cando el era como nós, no mesmo sitio ô redor d’aquel lar que era pol-a tradizón da casa, o altar onde nos moldeaban o corazón ôs da miña caste.

     Hoxe no pazo se San Fiz xa non arde o lume na lareira nin queda d’el mais que os meus recordos. Non hai d’él pedra sobre pedra. O desleigamento dos uns e a ruindade dos outros, desfixeron o pazo e co pazo a ara.

     Un d’aqueles contos eran do tempo da francesada.

     Os exércitos ingreses retirábanse pra embarcar pol-a Cruña. Era unha retirada tráxica... de morte.

     As nosas Alarmas axudábanlles á se salvar.

     A do tío Lourenzo saíu pra protexer as derradeiras forzas onde viñan os doentes e os feridos.

     N’un istantiño, o exército gabacho chegou perto d’eles.

     Alí non quedaban xa pra loitar mais que uns cantos homes da nosa Alarma; entón, á presa, de calquer xeito rubiron ôs feridos á un castro que d’alí á pouco estaba. Entre aqueles héroes houbo un que non puido chegar. A morte tíñalle espetadas xa as suas poutas; era un alférez galés que morría de dôr e de saudade.

     O tío Lourenzo ficou â sua beira, non podía deixar esquencido a aquel home que era un irmán de loita, e de raza; que viñera axudarnos e morría por nós.

     O abóo Xohan Ramón cando nos decía que a Saudade era todo, na nosa raza, contábanos sempre este conto...

                                                           e decía...