Wikisource:Texto destacado/Os probes de Deus
...Aos poucos, a chuvia foi amainando. Ficaba unha mañán gris, chea de friaxe, e o vento mareiro da Carnota, facía tremar as arbores molladas, con súpetos calofríos fugaces.
Na longa sala dos dormitorios, ateigada de bafos cheirentos e de tépedo âr confinado, había somente catro vellos doentes, que de leito en leito parolaban mainiñamente, con voces cheas de langor e d'esa resiñada melanconía que pon cadencias tenras, nas verbas indifrentes dos que agardan a morte sen espranza.
Carón da fenestra, envolveito n-un vello cobertor rachado, outro home de ben comprida edá, ollaba o paisaxe da ría apreixando o narís contra os vidros, que o seu alento embazaba.
N-aquela crua mañán de inverno, os mais asilados traballaban na horta, y-embaixo, na cociña, ouvíase o balbordo das risas e disputas das mulleres que arranxaban a louza e o xantar.
O Pedro Lueiro, de cada vez atopábase mais falto de forzas, e unha perguiza invencibel, íbao gañando día a día, domando de cada instante con mais imperio â sua vôntade, que pol-a conta, asemade de dìa a día, era mais floxa.
El, que aló na sua casiña de Valoa, levantábase ainda con estrelas para percorrer as leiras, legón ao lombo, sentíase agora apouvigado, vencido, desfeito por un mortal cansancio. A sua meirande ledicia era estar longas horas inmobel, coa vista vagariñante nas lexanías verdes e bretemosas d'aquel paisaxe que tanto gostaba de contemplar dend'as fenestras da casa de caridade.
E, n-estes instantes, tornábase refresivo na saudade dos tempos en que respiraba a brisa libre e fresca, e nos que o seu corpo, aterecido pol-a friaxe do amañecer cobraba vida e quentura no rudo traballo d'acotío.
E decote finaba por espertar do seu ensono, esgotado d'anguria, e tiña a arela de cramar á berros coma si se sintira afogado por unha man brutal que lle esmagase o corazón; mais ao cabo, a sua ansia trocábase n-un pranto silenzoso, qu'esbaraba sin salayos pol-as suas enrugas, requimándolle as palpebras, e tornando duro e violento o seu ollar, decote homilde e afable.