Wikisource:Texto destacado/O avellón

O avellón. — Alfredo Brañas. 1884.


   Unha noite de inverno en que eu estaba
nun tallo xunto o lume e me quentaba
maus e pes, dito seia con perdón,
sintín petar con forza á miña porta,
e coidando que houbese algunha liorta,
fun abrir cun fungueiro e cun tizón.



   Desfechei e atopeime co fociño
de Alifonso, do fillo de Goriño,
que é por certo un garrido e bon rapás.
Viña calado e feito un churumicas
porque morrera a tía das Furricas,
que ó amañecer lle dera un paratrás.



   Falamos da difunta, que era boa,
e morreu sin caérselle unha moha,
e deixa algúns cartos e un cebón.
Dimpois que de este xeito parolamos,
dixo moito Alifonso: Agora vamos
a velala esta noite no avellon.



   Moitos cicáis non seipan cuasemente
ó que chama avellon a nosa xente
das Rías no país encantador.
Como unha forma abonda para proba,
contareiche o que vin en Vilanova
un día do avellon, caro lector.



   Tremando co friaxe, eu e Alifonso
dempóis de marmullar dentro un responso,
botamos a correr hastra abafar,
e chegamos á casa da difunta,
onde estaba á familia toda xunta
con mantelos coberta ó pé do lar.