Xan vai a compoñer cestos,

Xan vai a poda-las viñas,

Xan vai a apañar-lo esterco,

E leva o fol ó muíño,

E trae o estrume ó cortello,

E vai á misa cos nenos,

E fai o leito e o caldo...

Xan, en fin, é un Xan compreto,

Desos que a cada muller

Lle conviña un polo menos.

Pero cando un busca un Xan,

Casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,

Muller do Xan que sabemos,

Mentras seu home traballa,

Ela lava os pés no rego,

Cátalle as pulgas ó gato,

Peitea os longos cabelos,

Bótalles millo ás galiñas,

Murmura co irmán do crego,

Mira se hai ovos no niño,

Bota un ollo ós mazanceiros,

E lambe a nata do leite,

E si pode bota un neto

Ca comadre, que agachado

Traillo en baixo do mantel,

E cando Xan pola noite

Chega cansado e famento,

Ela xa o espera entre as mantas,

E ó velo entrar dille quedo:

- Por Dios non barulles moito,

Que me estou mesmo morrendo.

- ¿Pois que tes, ña mulleriña?

- ¿Que hei de ter?, deita eses nenos,

Que esta madre roe en min

Cal roe un can nun codelo,

I ó cabo ha de dar comigo

Nos terrós no simiterio...

- Pois, continua ña Pepa, toma un trago

De resolio que aquí teño,

E durme, ña mulleriña,

Mentras os meniños deito.

De bágoas se enchen os ollos,

De Xan ó ver tales feitos;

Mas non temás, que antre mil

N'hai máis que un anxo entre os demos;

N'hai máis que un atormentado

Antre mil que dan tormentos.