Código Civil español/LIBRO PRIMEIRO

LIBRO PRIMEIRO: Das persoas

editar

TÍTULO PRIMEIRO: Dos españois e extranxeiros

editar
Artigo 17

Son españois de orixe:

a) Os nacidos de pai ou nai españois.

b) Os nacidos en España de pais extranxeiros se, ó menos, un deles nacese tamén en España. Exceptúanse os fillos de funcionario diplomático ou consular acreditado en España.

c) Os nacidos en España de pais extranxeiros, se ambos carecesen de nacionalidade ou se a lexislación de ningún deles atribúe ó fillo unha nacionalidade.

d) Os nacidos en España cuia filiación non resulte determinada. A estes efectos, presúmense nacidos en territorio español os menores de idade cuio primeiro lugar coñecido de estancia sexa territorio español.

2. A filiación ou o nacemento en España, cuia determinación se produza despois dos dezaoito anos de idade, non son por sí sos causa de adquisición da nacionalidade española. O interesado ten entón dereito a optar pola nacionalidade española de orixe no prazo de dous anos a contar dende aquela determinación.

Artigo 18

A posesión e utilización continuada da nacionalidade española durante dez anos, con boa fe e basada nun título inscrito no Rexistro Civil, é causa de consolidación da nacionalidade aínda que se anule o título que a orixinou.

Artigo 19

1. O extranxeiro menor de dezaoito anos adoptado por un español adquire, dende a adopción, a nacionalidade española de orixe.

2. Se o adoptado é maior de dezaoito anos poderá optar pola nacionalidade española de orixe no prazo de dous anos a partir da constitución da adopción.

Artigo 20

1. Teñen dereito a optar pola nacionalidade española:

a) As persoas que estexan ou estivesen suxeitas á patria potestade dun español.

b) Aquelas cuio pai ou nai fose orixinariamente español e nacido en España.

c) As que se atopen comprendidas no segundo apartado dos artigos 17 e 19. [1]

2. A declaración de opción formularase:

a) Polo representante legal do optante, menor de catorce anos ou incapacitado. Neste caso, a opción require autorización do encargado do Rexistro Civil do domicilio do declarante, previo dictame do Ministerio Fiscal. Dita autorización concederase en interés do menor ou incapaz.

b) Polo propio interesado, asistido polo seu representante legal, cando aquél sexa maior de catorce anos ou cando, aínda estando incapacitado, así o permita a sentencia de incapacitación.

c) Polo interesado, por sí só, se está emancipado ou é maior de dezaoito anos. A opción caducará ós vinte anos de idade, pero se o optante non estivese emancipado segundo a súa lei persoal ó chegar ós dezaoito anos, o prazo para optar prolongarase ata que transcorran dous anos dende a emancipación.

d) Polo interesado, por sí só, dentro dos dous anos seguintes á recuperación da plena capacidade. Exceptúase o caso no que caducase o dereito de opción conforme ó parágrafo c.

3. Non obstante o disposto no apartado anterior, o exercicio do dereito de opción previsto no apartado 1.b deste artigo non estará suxeito a límite algún de idade. [2]

Artigo 21

1. A nacionalidade española adquírese por carta de natureza, outorgada discrecionalmente mediante Real Decreto, cando no interesado concurran circunstancias excepcionais.

2. A nacionalidade española tamén se adquire por residencia en España, nas condicións que sinala o artigo seguinte e mediante a concesión outorgada polo Ministro de Xustiza, que poderá denegala por motivos razoados de orde pública ou interés nacional.

3. Nun e noutro caso a solicitud poderá formulala:

a) O interesado emancipado ou maior de dezaoito anos.

b) O maior de catorce anos asistido polo seu representante legal.

c) O representante legal do menor de catorce anos.

d) O representante legal do incapacitado ou o incapacitado, por sí só ou debidamente asistido, segundo resulte da sentencia de incapacitación.

Neste caso e no anterior, o representante legal só poderá formula-la solicitude se previamente obtivo autorización conforme ó previsto na letra a do apartado 2 do artigo anterior.

4. As concesións por carta de natureza ou por residencia caducan ós cento oitenta días seguintes á súa notificación, se neste prazo non comparece o interesado ante funcionario competente para cumprilos requisitos do artigo 23.

Artigo 22

1. Para a concesión da nacionalidade por residencia requírese que ésta durase dez anos. Serán suficientes cinco anos para os que obtivesen a condición de refuxiado e dous anos cando se trate de nacionais de orixe de países iberoamericanos, Andorra, Filipinas, Guinea Ecuatorial ou Portugal ou de sefardís.

2. Bastará o tempo de residencia dun ano para:

a) O que nacese en territorio español.

b) O que non exercitase oportunamente a facultade de optar.

c) O que estivese suxeito legalmente á tutela, garda ou acoxemento dun ciudadán ou institución españois durante dous anos consecutivos, incluso se continuase nesta situación no momento da solicitude.

d) O que ó tempo da solicitude levase un ano casado con español ou española e non estivese separado legalmente ou de feito.

e) O viuvo ou viuva de española ou español, se á morte do cónxuxe non existise separación legal ou de feito.

f) O nacido fora de España de pai ou nai, abó ou aboa, [3] que orixinariamente fosen españois.

3. En tódolos casos, a residencia terá de ser legal, continuada e inmediatamente anterior á petición.

Ós efectos do previsto no parágrafo d do apartado anterior, entenderase que ten residencia legal en España o cónxuxe que conviva con funcionario diplomático ou consular español acreditado no extranxeiro.

4. O interesado deberá xustificar, no expediente regulado pola lexislación do Rexistro Civil, boa conducta cívica e suficiente grado de integración na sociedade española.

5. A concesión ou denegación da nacionalidade por residencia deixa a salvo a vía xudicial contencioso-administrativa.

Artigo 23

Son requisitos comúns para a validez da adquisición da nacionalidade española por opción, carta de natureza ou residencia:

a) Que o maior de catorce anos e capaz para prestar unha declaración por sí xure ou prometa fidelidade ó Rei e obediencia á Constitución e ás leis.

b) Que a mesma persoa declare que renuncia á súa anterior nacionalidade. Quedan a salvo deste requisito os naturais de países mencionados no apartado (2) 1 do artigo 24. [4]

c) Que a adquisición se inscriba no Rexistro Civil español.

Artigo 24

1. Perden a nacionalidade española os emancipados que, residindo habitualmente no extranxeiro, adquiran voluntariamente outra nacionalidade ou empreguen exclusivamente a nacionalidad extranxeira que tivesen atribuida antes da emancipación. A perda producirase unha vez que transcorran tres anos, a contar, respectivamente, dende a adquisición da nacionalidade extranxeira ou dende a emancipación. [5] Non obstante, os interesados poderán evita-la perda se dentro do prazo indicado declaran a súa vontade de conserva-la nacionalidad española ó encargado do Rexistro Civil. [6]

A adquisición da nacionalidade de países iberoamericanos, Andorra, Filipinas, Guinea Ecuatorial ou Portugal non é bastante para producir, conforme a este apartado, a perda da nacionalidade española de orixe. [7]

2. En todo caso, perden a nacionalidade española os españois emancipados que renuncien expresamente a ela, se teñen outra nacionalidade e residen habitualmente no extranxeiro. [8]

3. Os que tendo nacido e residindo no extranxeiro ostenten a nacionalidade española por ser fillos de pai ou nai españois, tamén nacidos no extranxeiro, cando as leis do país onde residan lles atribúan a nacionalidade do mesmo, perderán, en todo caso, a nacionalidade española se non declaran a súa vontade de conservala ante o encargado do Rexistro Civil no prazo de tres anos, a contar dende a súa maioría de idade ou emancipación. [9]

4. Non se perde a nacionalidade española, en virtude do disposto neste precepto, se España estivese en guerra.

Artigo 25

1. Os españois que non o sexan de orixe perderán a nacionalidade:

a) Cando durante un período de tres anos empreguen exclusivamente a nacionalidade á que declarasen renunciar ó adquiri-la nacionalidade española. [10]

b) Cando entren voluntariamente ó servicio das armas ou exerzan cargo político nun Estado extranxeiro contra a prohibición expresa do Goberno.

2. A sentencia firme que declare que o interesado incurriu en falsedade, ocultación ou fraude na adquisición da nacionalidade española produce a nulidade de tal adquisición, se ben non se derivarán dela efectos prexudiciais para terceiros de boa fe. A acción de nulidade deberá exercitarse polo Ministerio Fiscal de oficio ou en virtude de denuncia, dentro do prazo de quince anos.

Artigo 26

1. Quen perdese a nacionalidade española poderá recuperarla cumprindo os seguintes requisitos:

a) Ser residente legal en España. Este requisito non será de aplicación ós emigrantes nin ós fillos de emigrantes. Nos demáis casos poderá ser dispensado polo Ministro de Xustiza cando concorran circunstancias excepcionais.

b) Declarar ante o encargado do Rexistro Civil a súa vontade de recupera-la nacionalidade española e a súa renuncia, salvo que se trate de naturais dos países mencionados no artigo 24, á nacionalidade anterior, e.

c) Inscribi-la recuperación no Rexistro Civil.

2. Non poderán recuperar ou adquirir, no seu caso, a nacionalidade española sen previa habilitación concedida discrecionalmente polo Goberno, os que se atopen incursos en calquera dos supostos previstos no artigo anterior e os que perdesen a nacionalidade sen cumpri-lo servicio militar español ou a prestación social sustitutoria, estando obrigados a iso. Non obstante, a habilitación non será precisa cando a declaración de recuperación se formule por varón maior de corenta anos. [11]

Artigo 27

Os extranxeiros gozan en España dos mesmos dereitos civiles que os españois, salvo o disposto nas leis especiais e nos Tratados.

Artigo 28

As corporacións, fundacións e asociacións, recoñecidas pola lei e domiciliadas en España, gozarán da nacionalidade española, sempre que teñan o concepto de persoas xurídicas con arranxo ás disposicións do presente Código.

As asociacións domiciliadas no extranxeiro terán en España a consideración e os dereitos que determinen os tratados ou leis especiais.

TÍTULO SEGUNDO: Do nacemento e a extinción da personalidade civil

editar

CAPÍTULO I: Das persoas naturais

editar
Artigo 29

O nacemento determina a personalidade; pero o concebido tense por nacido para tódolos efectos que lle sexan favorables, sempre que naza cas condicións que expresa o artigo seguinte.

Artigo 30

Para os efectos civís, só se reputará nacido o feto que tivese figura humana e vivise vintecatro horas enteiramente desprendido do seno materno.

Artigo 31

A prioridade do nacemento, no caso de partos dobres, da ó primeiro nacido os dereitos que a lei recoñeza ó primoxénito.

Artigo 32

A personalidade civil extínguese pola morte das persoas.

Artigo 33

Se se dubida, entre dúas ou máis persoas chamadas a sucederse, quen delas morrese primeiro, o que sosteña a morte anterior dunha ou doutra, debe probala; a falta de proba, presúmense mortas ó mesmo tempo e non ten lugar a transmisión de dereitos dun ó outro.

Artigo 34

Respecto á presunción de morte do ausente e os seus efectos, estarase ó disposto no título VIII deste libro.

CAPÍTULO II: Das persoas xurídicas

editar
Artigo 35

Son persoas xurídicas:

1. As corporacións, asociacións e fundacións de interese público recoñecidas pola Lei.

A súa persoalidade comeza dende o instante mesmo en que, con arranxo ó dereito, quedasen válidamente constituidas.

2. As asociacións de interese particular, sexan civís, mercantís ou industriais, ás que a lei conceda persoalidade propia, independente da de cada un dos asociados.

Artigo 36

As asociacións a que se refire o número 2 do artigo anterior rexeranse polas disposicións relativas ó contrato de sociedade, segundo a natureza deste.

Artigo 37

A capacidade civil das corporacións regularase polas leis que as creasen ou recoñecesen; a das asociacións polos seus estatutos, e a das fundacións polas regras da súa institución, debidamente aprobadas por disposición administrativa, cando este requisito fose necesario.

Artigo 38

As persoas xurídicas poden adquirir e posuir bens de tódalas clases, así como contraer obrigacións e exercitar accións civís ou criminais, conforme ás leis e regras da súa constitución.

A Igresia rexerase neste punto polo concordado entre ambas potestades, e os establecementos de instrucción e beneficencia polo que dispoñan as leis especiais.

Artigo 39

Se por ter expirado o prazo durante o cal funcionaban legalmente, ou por ter realizado a fin para a cal se constituiron, ou por ser xa imposible aplicar a ésta a actividade e os medios de que dispoñían, deixasen de funciona-las corporacións, asociacións e fundacións, darase ós seus bens a aplicación que as leis, ou os estatutos, ou as cláusulas fundacionais, lles tivesen nesta previsión asignado. Se nada se tivese establecido previamente, aplicaranse eses bens á realización de fins análogos, en interés da rexión, provincia ou Municipio que principalmente deberan recolle-los beneficios das institucións extinguidas.

TÍTULO TERCEIRO: Do domicilio

editar
Artigo 40

Para o exercicio dos dereitos e o cumprimento das obrigacións civís, o domicilio das persoas naturais é o lugar da súa residencia habitual, e, no seu caso, o que determine a Lei de Enxuizamento Civil.

O domicilio dos diplomáticos residentes por razón do seu cargo no extranxeiro, que gocen do dereito de extraterritorialidade, será o último que tivesen en territorio español.

Artigo 41

Cando nin a lei que as crease ou recoñecese, nin os estatutos ou as regras de fundación fixasen o domicilio das persoas xurídicas, entenderase que o teñen no lugar en que se atope establecida a súa representación legal, ou onde exerzan as principais funcións do seu instituto.

TÍTULO CUARTO: Do matrimonio

editar

CAPÍTULO I: Da promesa de matrimonio

editar
Artigo 42

A promesa de matrimonio non produce obrigación de contraelo nin de cumpri-lo que se tivese estipulado para o suposto da súa non celebración.

Non se admitirá a trámite a demanda en que se pretenda o seu cumprimento.

Artigo 43

O incumprimento sen causa da promesa certa de matrimonio feita por persoa maior de idade ou por menor emancipado só producirá a obrigación de resarcir á outra parte dos gastos feitos e as obrigacións contraídas en consideración ó matrimonio prometido.

Esta acción caducará ó ano contado dende o día da negativa á celebración do matrimonio.

CAPÍTULO II: Dos requisitos do matrimonio

editar
Artigo 44

O home e a muller teñen dereito a contraer matrimonio conforme ás disposicións deste Código.

O matrimonio terá os mesmos requisitos e efectos cando ambos contraintes sexan do mesmo ou de diferente sexo. [12]

Artigo 45

Non hai matrimonio sen consentimento matrimonial.

A condición, término ou modo do consentimento terase por non posta.

Artigo 46

Non poden contraer matrimonio:

1. Os menores de idade non emancipados.

2. Os que estén ligados con vínculo matrimonial.

Artigo 47

Tampouco poden contraer matrimonio entre sí:

1. Os parentes en liña recta por consanguinidade ou adopción.

2. Os colaterais por consanguinidade ata o terceiro grao.

3. Os condeados como autores ou cómplices da morte dolosa do cónxuxe de calquera deles.

Artigo 48

O Ministro de Xustiza pode dispensar, a instancia de parte, o impedimento de morte dolosa do cónxuxe anterior.

O Xuíz de Primeira Instancia poderá dispensar, con xusta causa e a instancia de parte, os impedimentos do grao terceiro entre colaterais e de idade a partir dos catorce anos. Nos expedientes de dispensa de idade deberán ser oídos o menor e os seus pais ou gardadores.

A dispensa ulterior convalida, dende a súa celebración, o matrimonio cuia nulidade non fose instada xudicialmente por algunha das partes.

CAPÍTULO III: Da forma de celebración do matrimonio

editar

SECCIÓN 1ª: Disposicións xerais

editar
Artigo 49

Calquera español poderá contraer matrimonio dentro ou fora de España:

1. Ante o Xuíz, Alcalde ou funcionario sinalado por este Código.

2. Na forma relixiosa legalmente prevista.

Tamén poderá contraer matrimonio fora de España con arranxo á forma establecida pola Lei do lugar de celebración.

Artigo 50

Se ambos contraíntes son extranxeiros, poderá celebrarse o matrimonio en España con arranxo á forma prescrita para os españois ou cumprindo a establecida pola Lei persoal de calquera deles.

SECCIÓN 2ª: Da celebración ante o Xuíz, Alcalde ou funcionario que faga as súas veces

editar
Artigo 51

Será competente para autoriza-lo matrimonio:

1. O Xuíz encargado do Rexistro Civil e o Alcalde do municipio onde se celebre o matrimonio ou concellal en quen éste delegue.

2. Nos municipios en que non resida dito Xuíz, o delegado designado regulamentariamente.

3. O funcionario diplomático ou consular encargado do Rexistro Civil no extranxeiro.

Artigo 52

Poderá autoriza-lo matrimonio do que se atope en perigo de morte:

1. O Xuíz encargado do Rexistro Civil, o delegado ou o Alcalde, aínda que os contraíntes non residan na circunscripción respectiva.

2. En defecto do Xuíz, e respecto dos militares en campaña, o Oficial ou Xefe superior inmediato.

3. Respecto dos matrimonios que se celebren a bordo de nave ou aeronave, o Capitán ou Comandante da mesma.

Este matrimonio non requerirá para a súa autorización a previa formación de expediente, pero sí a presencia, na súa celebración, de dous testigos maiores de idade, salvo imposibilidade acreditada.

Artigo 53

A validez do matrimonio non quedará afectada pola incompetencia ou falta de nombramento lexítimo do Xuíz, Alcalde ou funcionario que o autorice, sempre que polo menos un dos cónxuxes procedese de boa fe e aqueles exerceran as súas funcións públicamente.

Artigo 54

Cando concurra causa grave suficientemente probada, o Ministro de Xustiza poderá autoriza-lo matrimonio segreto. Neste caso, o expediente tramitarase reservadamente, sen a publicación de edictos ou proclamas.

Artigo 55

Poderá autorizarse no expediente matrimonial que o contraínte que non resida no distrito ou demarcación do Xuíz, Alcalde ou funcionario autorizante celebre o matrimonio por apoderado a quen concedese poder especial en forma auténtica, pero sempre será precisa a asistencia persoal do outro contraínte.

No poder determinarase a persoa con quen ha de celebrarse o matrimonio, con expresión das circunstancias persoais precisas para establece-la súa identidade.

O poder extinguirase pola revocación do poderdante, pola renuncia do apoderado ou pola morte de calquera deles. En caso de revocación polo poderdante bastará a súa manifestación en forma auténtica antes da celebración do matrimonio. A revocación notificarase de inmediato ó Xuíz, Alcalde ou funcionario autorizante.

Artigo 56

Quenes desexen contraer matrimonio acreditarán previamente, en expediente tramitado conforme á lexislación do Rexistro Civil, que reúnen os requisitos de capacidade establecidos neste Código.

Se algún dos contraíntes estivese afectado por deficencias ou anomalías psíquicas, esixirase dictame médico sobre a súa aptitude para presta-lo consentimento.

Artigo 57

O matrimonio deberá celebrarse ante o Xuíz, Alcalde ou funcionario correspondente ó domicilio de calquera dos contraíntes e dous testigos maiores de idade.

A prestación do consentimento poderá tamén realizarse, por delegación do instructor do expediente, ben a petición dos contraíntes ou ben de oficio, ante Xuíz, Alcalde ou funcionario doutra poboación distinta.

Artigo 58

O Xuíz, Alcalde ou funcionario, despois de lidos os artigos 66, 67 e 68, preguntará a cada un dos contraíntes se consinten en contraer matrimonio co outro e se efectivamente o contraen en dito acto e, respondendo ambos afirmativamente, declarará que os mesmos quedan unidos en matrimonio e extenderá a inscripción ou a acta correspondente.

SECCIÓN 3ª: Da celebración en forma relixiosa

editar
Artigo 59

O consentimento matrimonial poderá prestarse na forma prevista por unha confesión relixiosa inscrita, nos términos acordados co Estado ou, no seu defecto, autorizados pola lexislación deste.

Artigo 60

O matrimonio celebrado segundo as normas do Dereito canónico ou en calquera das formas relixiosas previstas no artigo anterior produce efectos civís. Para o pleno recoñecemento dos mesmos estarase ó disposto no capítulo seguinte.

CAPÍTULO IV: Da inscripción do matrimonio no Rexistro Civil

editar
Artigo 61

O matrimonio produce efectos civís dende a súa celebración. Para o pleno recoñecemento dos mesmos será precisa a súa inscripción no Rexistro Civil.

O matrimonio non inscrito non prexudicará os dereitos adquiridos de boa fe por terceiras persoas.

Artigo 62

O Xuíz, Alcalde ou funcionario ante quen se celebre o matrimonio extenderá, inmediatamente despois de celebrado, a inscripción ou a acta correspondente ca súa sinatura e a dos contraíntes e testigos.

Así mesmo, practicada a inscripción ou extendida a acta, o Xuíz, Alcalde ou funcionario entregará a cada un dos contraíntes documento acreditativo da celebración do matrimonio.

  1. ^  A subdivisión en parágrafos e a letra b) foron engadidos pola Lei 36/2002, do 8 de outubro.
  2. ^  O apartado 3 foi engadido pola Lei 36/2002, do 8 de outubro.
  3. ^  O inciso «, abó ou aboa, » foi engadido pola Lei 36/2002, do 8 de outubro.
  4. ^  Modificado pola Lei 36/2002, do 8 de outubro en tanto que a referencia ó apartado 2 do artigo 24 sustitúese por unha referencia ó apartado 1 do mesmo artigo.
  5. ^  A frase «A perda producirase unha vez que transcorran tres anos, a contar, respectivamente, dende a adquisición da nacionalidade extranxeira ou dende a emancipación.» foi movida dende o apartado 2 ata o 1 pola Lei 36/2002, do 8 de outubro.
  6. ^  A frase «Non obstante, os interesados poderán evita-la perda se dentro do prazo indicado declaran a súa vontade de conserva-la nacionalidad española ó encargado do Rexistro Civil.» foi engadida pola Lei 36/2002, do 8 de outubro.
  7. ^  Parágrafo movido dende o apartado 2 ata o 1 pola Lei 36/2002, do 8 de outubro.
  8. ^  Renumerado como apartado 2 pola Lei 36/2002, do 8 de outubro. A anterior numeración era apartado 3.
  9. ^  Apartado engadido pola Lei 36/2002, do 8 de outubro.
  10. ^  Apartado modificado pola Lei 36/2002, do 8 de outubro. A súa antiga redacción era «Cando por sentencia firme fosen condeados á súa perda, conforme ó establecido nas leis penais.»
  11. ^  Incisos «e a súa renuncia, salvo que se trate de naturais dos países mencionados no artigo 24, á nacionalidade anterior, e» e «e os que perdesen a nacionalidade sen cumpri-lo servicio militar español ou a prestación social sustitutoria, estando obrigados a iso. Non obstante, a habilitación non será precisa cando a declaración de recuperación se formule por varón maior de corenta anos.» eliminados pola Lei 36/2002, do 8 de outubro.
  12. ^  Parágrafo engadido pola Lei 13/2005, do 1 de xullo.

Vexa tamén

editar
Código Civil español
 
Das normas xurídicas, a súa aplicación e eficacia
Das persoas
Dos bens, da propiedade e das súas modificacións
Dos diferentes modos de adquiri-la propiedade
Das obrigacións e contratos