Abrir o menú principal

TÍTULO PRELIMINAR: Das normas xurídicas, a súa aplicación e eficaciaEditar

CAPÍTULO I: Fontes do dereitoEditar

Artigo 1

1. As fontes do ordeamento xurídico español son a Lei, o costume e os principios xerais do dereito.

2. Carecerán de validez as disposicións que contradigan outra de rango superior.

3. O costume só rexirá en defecto de Lei aplicable, sempre que non sexa contrario á moral o á orde pública e que resulte probado.

Os usos xurídicos que non sexan meramente interpretativos dunha declaración de vontade terán a consideración de costume.

4. Os principios xerais do dereito aplicaranse en defecto de Lei ou costume, sen prexuízo do seu carácter informador do ordeamento xurídico.

5. As normas xurídicas contidas nos tratados internacionais non serán de aplicación directa en España en tanto non pasasen a formar parte do ordeamento interno mediante a súa publicación íntegra no «Boletín Oficial del Estado».

6. A xurisprudencia complementará o ordeamento xurídico ca doutrina que, de modo reiterado, estableza o Tribunal Supremo ó interpretar e aplica-la Lei, o costume e os principios xerais do dereito.

7. Os Xuíces e Tribunais teñen o deber inexcusable de resolver en todo caso os asuntos de que coñezan, aténdose ó sistema de fontes establecido.

Artigo 2

1. As Leis entrarán en vigor ós vinte días da súa completa publicación no «Boletín Oficial del Estado», se nelas non se dispón outra cousa.

2. As Leis só se derrogan por outras posteriores. A derrogación terá o alcance que expresamente se dispoña e extenderase sempre a todo aquilo que na Lei nova, sobre a mesma materia, sexa incompatible ca anterior. Pola simple derrogación dunha Lei non recobran vixencia as que ésta derrogase.

3. As Leis non terán efecto retroactivo se non dispuxesen o contrario.

CAPÍTULO II: Aplicación das normas xurídicasEditar

Artigo 3

1. As normas interpretaranse segundo o sentido propio das súas palabras, en relación co contexto, os antecedentes históricos e lexislativos, e a realidade social do tempo en que teñen de ser aplicadas, atendendo fundamentalmente ó espírito e finalidade daquelas.

2. A equidade terá que ponderarse na aplicación das normas, se ben as resolucións dos Tribunais só poderán descansar de maneira exclusiva nela cando a Lei expresamente o permita.

Artigo 4

1. Procederá a aplicación analóxica das normas cando éstas non contemplen un suposto específico, pero regulen outro semellante entre os que se aprecie identidade de razón.

2. As Leis penais, as excepcionais e as de ámbito temporal non se aplicarán a supostos nin en momentos distintos dos comprendidos expresamente nelas.

3. As disposicións deste Código aplicaranse como supletorias nas materias rexidas por outras Leis.

Artigo 5

1. Sempre que non se estableza outra cousa, nos prazos sinalados por días, a contar dun determinado, quedará éste excluido do cómputo, o cal deberá comezar no día seguinte; e se os prazos estivesen fixados por meses ou anos, computaranse de data a data. Cando no mes do vencemento non houbese día equivalente ó inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. No cómputo civil dos prazos non se excluen os días inhábiles.

CAPÍTULO III: Eficacia xeral das normas xurídicasEditar

Artigo 6

1. A ignorancia das Leis non excusa do seu cumprimento.

O erro de dereito producirá únicamente aqueles efectos que as Leis determinen.

2. A exclusión voluntaria da Lei aplicable e a renuncia ós dereitos nela recoñecidos só serán válidas cando non contraríen o interés ou a orde pública nin prexudiquen a terceiros.

3. Os actos contrarios ás normas imperativas e ás prohibitivas son nulos de pleno dereito, salvo que nelas se estableza un efecto distinto para o caso de contravención.

4. Os actos realizados ó amparo do texto dunha norma que persigan un resultado prohibido polo ordeamento xurídico, ou contrario a el, consideraranse executados en fraude de Lei e non impedirán a debida aplicación da norma que se tratase de eludir.

Artigo 7

1. Os dereitos deberán exercitarse conforme ás esixencias da boa fe.

2. A Lei non ampara o abuso do dereito ou o exercicio antisocial do mesmo. Todo acto ou omisión que pola intención do seu autor, polo seu obxecto ou polas circunstancias en que se realice sobrepase manifestamente os límites normais do exercicio dun dereito, con dano para terceiro, dará lugar á correspondente indemnización e á adopción das medidas xudiciais ou administrativas que impidan a persistencia no abuso.

CAPÍTULO IV: Normas de dereito internacional privadoEditar

Artigo 8

1. As Leis penais, as de policía e as de seguridade pública obrigan a tódolos que se atopen en territorio español.

2. As leis procesais españolas serán as únicas aplicables ás actuacións que se sustancien en territorio español, sen prexuízo das remisións que as mesmas poidan facer ás leis extranxeiras, respecto ós actos procesais que teñan de realizarse fora de España. [1]

Artigo 9

1. A Lei persoal correspondente ás persoas físicas é a determinada pola súa nacionalidade. Dita Lei rexerá a capacidade e o estado civil, os dereitos e deberes de familia e a sucesión por causa de morte.

O cambio de Lei persoal non afectará á maioría de idade adquirida de conformidade ca Lei persoal anterior.

2. Os efectos do matrimonio rexeranse pola Lei persoal común dos cónxuxes ó tempo de contraelo; en defecto desta Lei, pola Lei persoal ou da residencia habitual de calquera deles, elexida por ambos en documento auténtico outorgado antes da celebración do matrimonio; a falla desta elección, pola Lei da residencia habitual común inmediatamente posterior á celebración, e, a falla de dita residencia, pola do lugar de celebración do matrimonio.

A nulidade, [2] a separación e o divorcio rexeranse pola Lei que determina o artigo 107.

3. Os pactos ou capitulacións polos que se estipule, modifique ou sustitúa o réxime económico do matrimonio serán válidos cando sexan conformes ben á Lei que rixa os efectos do matrimonio, ben á Lei da nacionalidade ou da residencia habitual de calquera das partes ó tempo do outorgamento.

4. O carácter e contido da filiación, incluida a adoptiva, e as relacións paterno-filiais, rexeranse pola Lei persoal do fillo e se non poidese determinarse ésta, estarase á da residencia habitual do fillo.

5. A adopción constituida por Xuíz español rexerase, en canto ós requisitos, polo disposto na Lei española. Non obstante, deberá observarse a Lei nacional do adoptando no que se refire a súa capacidade e consentimentos necesarios:

a) Se tivese a súa residencia habitual fora de España.

b) Aínda que resida en España, se non adquire, en virtude da adopción a nacionalidade española.

A petición do adoptante ou do Ministerio Fiscal, o Xuíz, en interés do adoptando, poderá esixir, ademáis, os consentimentos, audiencias ou autorizacións requeridas pola Lei nacional ou pola Lei da residencia habitual do adoptante ou do adoptando.

Para a constitución da adopción, os Cónsules españois terán as mesmas atribucións que o Xuíz, sempre que o adoptante sexa español e o adoptando esté domiciliado na demarcación consular. A proposta previa será formulada pola entidade pública correspondente ó último lugar de residencia do adoptante en España. Se o adoptante non tivo residencia en España nos dous últimos anos non será necesaria proposta previa, pero o Cónsul recabará das autoridades do lugar de residencia daquél informes suficientes para valora-la súa idoneidade.

Na adopción constituida pola competente autoridade extranxeira, a Lei do adoptando rexerá en canto a capacidade e consentimentos necesarios. Os consentimentos esixidos por tal Lei poderán prestarse ante unha autoridade do país en que se iniciou a constitución ou, posteriormente, ante calquera outra autoridade competente. No seu caso, para a adopción dun español, será necesario o consentimento da entidade pública correspondente á última residencia do adoptando en España.

Non será recoñecida en España como adopción a constituida no extranxeiro por adoptante español, se os efectos daquela non se corresponden cos previstos pola lexislación española. Tampouco o será, mentras a entidade pública competente non declarase a idoneidade do adoptante, se éste fose español e estivese domiciliado en España ó tempo da adopción

A atribución pola Lei extranxeira dun dereito de revocación da adopción non impedirá o recoñecemento désta se se renuncia a tal dereito en documento público ou por comparecencia ante o encargado do Rexistro Civil. [3]

6. A tutela e as demáis institucións de protección do incapaz regularanse pola Lei nacional deste. Sen embargo, as medidas provisionais ou urxentes de protección rexeranse pola Lei da súa residencia habitual.

As formalidades de constitución da tutela e demáis institucións de protección en que interveñan autoridades xudiciais ou administrativas españolas sustanciaranse, en todo caso, con arranxo á Lei española.

Será aplicable a Lei española para toma-las medidas de carácter protector e educativo respecto dos menores ou incapaces abandonados que se atopen en territorio español.

7. O dereito á prestación de alimentos entre parentes regularase pola Lei nacional común do alimentista e do alimentante. Non obstante aplicarase a Lei da residencia habitual da persoa que os reclame cando ésta non poida obtelos de acordo ca Lei nacional común. En defecto de ambas Leis, ou cando ningunha delas permita a obtención de alimentos, aplicarase a Lei interna da autoridade que coñece da reclamación.

En caso de cambio da nacionalidade común ou da residencia habitual do alimentista, a nova Lei aplicarase a partir do momento do cambio.

8. A sucesión por causa de morte rexerase pola Lei nacional do causante no momento do seu falecemento, calesquera que sexan a natureza dos bens e o país onde se atopen. Sen embargo, as disposicións feitas en testamento e os pactos sucesorios ordeados conforme á Lei nacional do testador ou do dispoñente no momento do seu outorgamento conservarán a súa validez, aínda que sexa outra a Lei que rixa a sucesión, se ben as lexítimas axustaranse, no seu caso, a esta última. Os dereitos que por ministerio da Lei se atribúan ó cónxuxe supérstite rexeranse pola mesma Lei que regule os efectos do matrimonio, a salvo sempre as lexítimas dos descendentes.

9. Ós efectos deste capítulo, respecto das situacións de doble nacionalidade previstas nas Leis españolas estarase ó que determinen os tratados internacionais, e, se nada establecesen, será preferida a nacionalidade coincidente ca última residencia habitual e, no seu defecto, a última adquirida.

Prevalecerá en todo caso a nacionalidade española do que ostente ademáis outra non prevista nas nosas Leis ou nos tratados internacionais. Se ostentare dúas ou máis nacionalidades e ningunha delas fose a española estarase ó que establece o apartado seguinte.

10. Considerarase como Lei persoal dos que careceren de nacionalidade ou a tiveren indeterminada, a Lei do lugar da súa residencia habitual.

11. A Lei persoal correspondente ás persoas xurídicas é a determinada pola súa nacionalidade e rexerase en todo o relativo a capacidade, constitución, representación, funcionamento, transformación, disolución e extinción.

Na fusión de sociedades de distinta nacionalidade teranse en conta as respectivas Leis persoais.

Artigo 10

1. A posesión, a propiedade e os demáis dereitos sobre bens inmobles, así como a súa publicidade, rexeránse pola Lei do lugar onde se atopen.

A mesma Lei será aplicable ós bens mobles.

Ós efectos da constitución ou cesión de dereitos sobre bens en tránsito, éstes consideraranse situados no lugar da súa expedición, salvo que o remitente e o destinatario conveñesen, expresa ou tácitamente, que se consideren situados no lugar do seu destino.

2. Os buques, as aeronaves e os medios de transporte por ferrocarril, así como tódolos dereitos que se constitúan sobre eles, quedarán sometidos á Lei do lugar do seu abandeiramento, matrícula ou rexistro. Os automóbiles e outros medios de transporte por estrada quedarán sometidos á Lei do lugar onde se atopen.

3. A emisión dos títulos-valores atenderase á Lei do lugar no que se produza.

4. Os dereitos de propiedade intelectual e industrial protexeranse dentro do territorio español de acordo ca Lei española, sen prexuízo do establecido polos convenios e tratados internacionais nos que España sexa parte.

5. Aplicarase ás obrigacións contractuais a Lei a que as partes se sometesen expresamente, sempre que teña algunha conexión co negocio de que se trate; no seu defecto, a Lei nacional común ás partes; a falla dela, a da residencia habitual común, e, en último término, a Lei do lugar de celebración do contrato.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, a falta de sometemento expreso, aplicarase ós contratos relativos a bens inmobles a Lei do lugar onde estén sitos, e ás compraventas de mobles corporais realizadas en establecementos mercantiles, a Lei do lugar en que éstes radiquen.

6. Ás obrigacións derivadas do contrato de traballo, en defecto de sometemento expreso das partes e sen prexuízo do disposto no apartado 1 do artigo 8, seralles de aplicación a Lei do lugar onde se presten os servizos.

7. As doacións rexeranse, en todo caso, pola Lei nacional do doante.

8. Serán válidos, a efectos do ordeamento xurídico español, os contratos onerosos celebrados en España por extranxeiro incapaz segundo a súa Lei nacional, se a causa da incapacidade non estivese recoñecida na lexislación española. Esta regra non se aplicará ós contratos relativos a inmobles situados no extranxeiro.

9. As obrigacións non contractuais rexeranse pola Lei do lugar onde ocorrese o feito de que deriven.

A xestión de negocios regularase pola Lei do lugar onde o xestor realice a principal actividade.

No enriquecemento sen causa aplicarase a Lei en virtude da cal se produxo a transferencia do valor patrimonial en favor do enriquecido.

10. A Lei reguladora dunha obrigación exténdese ós requisitos do cumprimento e ás consecuencias do incumprimento, así como á súa extinción. Sen embargo, aplicarase a Lei do lugar de cumprimento ás modalidades de execución que requiran intervención xudicial ou administrativa.

11. Á representación legal aplicarase a Lei reguladora da relación xurídica da que nacen as facultades do representante, e á voluntaria, de non mediar sometemento expreso, a Lei do país onde se exerciten as facultades conferidas.

Artigo 11

1. As formas e solemnidades dos contratos, testamentos e demáis actos xurídicos rexeranse pola Lei do país no que se outorguen. Non obstante, serán tamén válidos os celebrados cas formas e solemnidades esixidas pola Lei aplicable ó seu contido, así como os celebrados conforme á Lei persoal do dispoñente ou a común dos outorgantes. Igualmente serán válidos os actos e contratos relativos a bens inmobles outorgados con arranxo ás formas e solemnidades do lugar en que éstes radiquen.

Se tales actos fosen outorgados a bordo de buques ou aeronaves durante a súa navegación, entenderanse celebrados no país do seu abandeiramento, matrícula ou rexistro. Os navíos e as aeronaves militares considéranse como parte do territorio do Estado ó que pertenzan.

2. Se a Lei reguladora do contido dos actos e contratos esixere para a súa validez unha determinada forma ou solemnidade, será sempre aplicada, incluso no caso de outorgarse aqueles no extranxeiro.

3. Será de aplicación a Lei española ós contratos, testamentos e demáis actos xurídicos autorizados por funcionarios diplomáticos ou consulares de España no extranxeiro.

Artigo 12

1. A calificación para determina-la norma de conflicto aplicable farase sempre con arranxo á Lei española.

2. A remisión ó dereito extranxeiro entenderase feita á súa Lei material, sen ter en conta o reenvío que as súas normas de conflicto poidan facer a outra Lei que non sexa a española.

3. En ningún caso terá aplicación a Lei extranxeira cando resulte contraria á orde pública.

4. Considerarase como fraude de Lei a utilización dunha norma de conflicto ca fin de eludir unha Lei imperativa española.

5. Cando unha norma de conflicto remita á lexislación dun Estado no que coexistan diferentes sistemas lexislativos, a determinación do que sexa aplicable entre eles farase conforme á lexislación de dito Estado.

6. Os Tribunais e autoridades aplicarán de oficio as normas de conflicto do dereito español.

A persoa que invoque o dereito extranxeiro deberá acreditar o seu contido e vixencia polos medios de proba admitidos na Lei española. Sen embargo, para a súa aplicación, o xuzgador poderá valerse ademáis de cantos instrumentos de averiguación considere necesarios, dictando ó efecto as providencias oportunas. [4]

CAPÍTULO V: Ámbito de aplicación dos réximes xurídicos civís coexistentes no territorio nacionalEditar

Artigo 13

1. As disposicións deste título preliminar, en canto determinan os efectos das Leis e as regras xerais para a súa aplicación, así como as do título IV do Libro I, con excepción das normas deste último relativas ó réxime económico matrimonial, terán aplicación xeral e directa en toda España.

2. No demáis, e con pleno respecto ós dereitos especiais ou forais das provincias ou territorios en que están vixentes, rexerá o Código Civil como dereito supletorio, en defecto do que o sexa en cada unha daquelas, segunso as súas normas especiais.

Artigo 14

1. A suxeición ó dereito civil común ou ó especial ou foral determínase pola vecindade civil.

2. Teñen vecindade civil en territorio de dereito común, ou nun dos de dereito especial ou foral, os nacidos de pais que teñan tal vecindade.

Pola adopción, o adoptado non emancipado adquire a vecindade civil dos adoptantes.

3. Se ó nacer o fillo, ou ó ser adoptado, os pais tiveren distinta vecindade civil, o fillo terá a que corresponda a aquél dos dous respecto do cal a filiación fose determinada antes; no seu defecto, terá a do lugar do nacemento e, en último término, a vecindade de dereito común.

Sen embargo, os pais, ou o que deles exerza ou lle fose atribuida a patria potestade, poderán atribuir ó fillo a vecindade civil de calquera deles en tanto non transcorran os seis meses seguintes ó nacemento ou á adopción.

A privación ou suspensión no exercicio da patria potestade, ou o cambio de vecindade dos pais, non afectarán á vecindade civil dos fillos.

En todo caso o fillo dende que cumpra catorce anos e ata que transcorra un ano despois da súa emancipación poderá optar ben pola vecindade civil do lugar do seu nacemento, ben pola última vecindade de calquera dos seus pais. Se non estivese emancipado, haberá de ser asistido na opción polo representante legal.

4. O matrimonio non altera a vecindade civil. Non obstante, calquera dos cónxuxes non separados, xa sexa legalmente ou de feito, poderá, en todo momento, optar pola vecindade civil do outro.

5. A vecindade civil adquírese:

a) Por residencia continuada durante dous anos, sempre que o interesado manifeste ser esa a súa vontade.

b) Por residencia continuada de dez anos, sen declaración en contrario durante este prazo.

Ambas declaracións faranse constar no Rexistro Civil e non precisan ser reiteradas.

6. No caso de dúbida prevalecerá a vecindade civil que corresponda ó lugar de nacemento.

Artigo 15

1. O extranxeiro que adquira a nacionalidade española deberá optar, ó inscribir a adquisición da nacionalidade, por calquera das vecindades seguintes:

a) A correspondente ó lugar de residencia.

b) A do lugar do nacemento.

c) A última vecindade de calquera dos seus proxenitores ou adoptantes.

d) A do cónxuxe.

Esta declaración de opción formularase, atendendo á capacidade do interesado para adquiri-la nacionalidade, polo propio optante, por sí ou asistido do seu representante legal, ou por este último. Cando a adquisición da nacionalidade se faga por declaración ou a petición do representante legal, a autorización necesaria deberá determina-la vecindade civil pola que se optará.

2. O extranxeiro que adquira a nacionalidade por carta de natureza terá a vecindade civil que o Real Decreto de concesión determine, tendo en conta a opción daquel, de acordo co que dispón o apartado anterior ou outras circunstancias que concorran no peticionario.

3. A recuperación da nacionalidade española leva consigo a daquela vecindade civil que ostentara o interesado ó tempo da súa perda.

4. A dependencia persoal respecto a unha comarca ou localidade con especialidade civil propia ou distinta, dentro da lexislación especial ou foral do territorio correspondente, rexerase polas disposicións deste artigo e as do anterior.

Artigo 16

1. Os conflictos de Leis que poidan surxir pola coexistencia de distintas lexislacións civiles no territorio nacional resolveranse segundo as normas contidas no capítulo IV cas seguintes particularidades:

a) Será Lei persoal a determinada pola vecindade civil.

b) Non será aplicable o disposto nos apartados 1, 2 e 3 do artigo 12 sobre calificación, remisión e orde pública.

2. O dereito de viuvedade regulado na Compilación aragonesa corresponde ós cónxuxes sometidos ó régime económico matrimonial de dita Compilación, aínda que despois cambie a súa vecindade civil, con exclusión neste caso da lexítima que estableza a Lei sucesoria.

O dereito expectante de viuvedade non poderá oporse ó adquerinte a título oneroso e de boa fe dos bens que non radiquen en territorio onde se recoñeza tal dereito, se o contrato se celebrase fora de dito territorio, sen ter feito consta-lo réxime económico matrimonial do transmitente.

O usufructo viudal corresponde tamén ó cónxuxe supérstite cando o premorto tivese vecindade civil aragonesa no intre da súa morte.

3. Os efectos do matrimonio entre españois regularanse pola Lei española que resulte aplicable segundo os criterios do artigo 9 e, no seu defecto, polo Código Civil.

Neste último caso aplicarase o réxime de separación de bens do Código Civil se conforme a unha e outra Lei persoal dos contraíntes rexise un sistema de separación.

NotasEditar

  1. ^  Apartado derrogado pola Lei 1/2000, do 7 de xaneiro.
  2. ^  O inciso "A nulidade, " foi engadido pola Lei Orgánica 11/2003, do 29 de setembro.
  3. ^  Parágrafo engadido pola Lei 18/1999, do 18 de maio.
  4. ^  Parágrafo derrogado pola Lei 1/2000, do 7 de xaneiro.

Vexa taménEditar

Código Civil español
 
Das normas xurídicas, a súa aplicación e eficacia
Das persoas
Dos bens, da propiedade e das súas modificacións
Dos diferentes modos de adquiri-la propiedade
Das obrigacións e contratos