Cantares gallegos/Cando á luniña aparece


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




27.


      Cando á luniña aparece
 Y ó sol nos mares s' esconde,
 Todo é silencio nos campos,
 Todo na ribeira dorme.
 Quedan as veigas sin xente,
 Sin ovelliñas os montes,
 A fonte sin rosas vivas,
 Os árboriños sin cantores.
 Medroso ó vento que pasa
 Os pinos xigantes move,
 Y â voz que levanta triste,
 Outra mais triste responde.
 Son ás campanas que tocan
 Que tocan en sons de morte,
 Y ô coraçon din n' olvides
 Ós que para sempre dormen.

      ¡Que triste! que hora tan triste!
 Aquela en qu' ó sol s' esconde,
 En qu' as extrelliñas pálidas
 Timidamente relosen.
 Aló as montañas confusas
 D' espesas niebras se croben
 Y á casa branca en qu' el vive
 En sombra espesa s' envolve
 En vano miro e mais miro,
 Qu' os velos da negra noite
 Entr' ela y os meus olliños
 Traidoramente se poñen.

      —Que fás ti mentras, meu ben,
 Dime dond' estás, en donde,
 Que t' aspero e nunca chegas,
 Que te chamo e non respondes?
 Morreches, meu queridiño?
 O mar sin fondo tragoute?
 Levaront' as ondas feras
 Ou te perdeches nos montes?
 Vou perguntand' ôs airiños,
 Vou perguntand' ôs pastores,
 Ás verdes ondas pergunto
 E ninguen, ay! me responde.
 Os aires mudiños pasan,
 Os pastoriños no m' oyen,
 Y as xordas ondas fervendo
 Contr' os penedos se rompen.
      Mais ti non morreche, ingrato,
 Nin te perdeches nos montes,
 Ti quisais mentras qu' eu peno
 D' os meus pesares te goces.
 Coitada de min! coitada!
 Qu' este meu peitiño nobre
 Foy para ti deble xunco
 Qu' ô menor vento se torce.
 Y en recompensa ti olvidásme!
 Dasme fel, e dasme á morte,
 Qu' est' é ó pago, desdichada.
 Qu' â que ben quer, dan os homes.
 Mais qu' importa! ven te quixen...
 Querreite sempre... asi compre
 A quen con grande firmesa,
 Vidiña y alma entregouche.
 Ahi tés ó meu coraçon
 Si ó queres matar ven podes,
 Pero como estás ti dentro,
 Tamén si ti ó matas, morres.



<<<< >>>>