Cantares gallegos/Como chove mihudiño


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




28.


     Como chove mihudiño,
 Como mihudiño chove,
 Como chove mihudiño,
 Pó-la banda de Laiño,
 Pó-la banda de Lestrobe.


      Com' a triste branca nube
 Truba ó sol qu' inquieto aluma,
 Cal ó crube y ó descrube,
 Pasa, torna, volve, e sube,
 Enrisada branca pruma.

      Xa dempois lonx' espallada
 Pó-Ios aires fuxitivos
 Desteñida, sombrisada,
 Nos espaços desatada
 Cae brillando en rayos vivos.

      Misteriosa regadeira
 Fin' orballo nó chán pousa
 Con feitiña curbadeira,
 Remollando na ribeira
 Frol por frol, chousa por chousa.

      Semellando leve gasa
 Que sotil ó vento move,
 En frotantes ondas pasa
 Refrescando canto abrasa
 O qu' ó sol ardente crobe.

      Como chove mihudiño
 Pó-las veigas de Campaña!...
 Cal s' enxugan de camiño
 Os herbales de Laiño...
 Com' á Ponte en sol se baña!

      Para Caldas tod' é escuro,
 Ceo azul lose n' Adina,
 Trasparente limpo e puro,
 D' Arretén no monte duro
 Nube corre pelegrina.

      Triste vay qu' á terra toca
 Xa c' os pés de branca neve
 Xa c' á fina fresca boca,
 Triste vay qu' os ceos invoca
 Y bicar ó chan s' atreve.

      Triste vay cando s' abate
 Vaporosa soya e muda,
 Cando main' as alas bate
 Com' un coraçon que late
 Ferido por pena ruda.

      Tal maxino á sombra triste
 De mi máa, soya vagando
 Nas esferas onde existe,
 Qu' ir á groria se resiste
 Pó-los que quixo agardando.

      Vexo ó Souto, en parda sombra
 Envolvendo ó seu ramaxe,
 Que por bon, do rey se nombra,
 Donde fero ó vento asombra,
 Roxe e estala de coraxe.

      Y ó Palacio, serio e grave
 Canto en pura luz se baña!
 Tal parés pesada nave
 Que volver ô mar non sabe
 S' encallou na fresca braña.

      Vexo Valga á beira hermosa
 D' un camiño todo prata,
 Casta virxe candorosa,
 Sentadiña en chan de rosa,
 Vestidiña d' escalrata.

      A San Loys vexo brillando
 Bañado por tintas puras
 Sol e sombras amostrando,
 En reposo contemprando
 Montes, auguas e verduras.

      Y á Padron ponliña verde,
 Fada branca ô pé d' un rio,
 Froita en frol d' á qu' eu quixerde,
 Lonxe miro que se perde
 Baix' un manto de resio.

      ¡Qu' inchadiña branca vela
 Antr' os millos corre, soa
 Misteriosa pura estrela!
 Dille ó vento en torno d' ela
 ¡Palomiña, voa! voa!

      Faille arrolo á branda ria
 C' un remanso mormuxante,
 Que nâs d' arboled' umbria
 Vaixo un toldo d' alegria,
 O calor d' un sol amante.

      ¡Sol d' Italia, sol d' amore! ...
 ¡Ti paisáx mellor alumas,
 Ti mais rosas, mais verdore,
 Mellor ceu, mais soave core,
 Ves d' o golfo antr' as espumas!

      ¡Sol d' Italia, en non sospiro
 Por sentirte ardente rayo,
 Qu' outro sol temprado miro,
 Doçemente aquí respiro
 Nun perene, eterno mayo.

      Nesta terra tal encanto
 Se respira!... triste ou probe,
 Rico, ou farto de querbanto!
 S' encariña nela tanto
 Quen baix' ó seu ceu se crobe!...

      Os que son nela nacidos,
 Os que son d' ela mimados,
 Lonxe d' ela están doridos
 Por que van d' amor feridos
 Por quen fóno amamantados.

      Pó-los fillos á nay tira
 Xorda, triste, plañideira,
 Xeme, chora, e mais sospira,
 E non para, hastra qu' os mira
 Ben chegar por derradeira.

      Probe nay! canto te quero!
 Nay tamen iay! da nay miña!
 O teu chan d' amor prefiero,
 A cant' hay grande ou severo
 En tod' á terra xuntiña

      ¿Como non, si ora estou vendo
 Nun paisáx de prata e rosas,
 Canto á vida foy querendo
 C' os meus ollos remexendo
 Memoriñas cariñosas?

      Bosques, casa, sepulturas,
 Campanarios e campanas
 Con sons vagos de doçuras
 Que despertan iay! ternuras
 Qu' en jamais podran ser vanas!

      Elas fono as que tocaron
 Cand' os meus ali naceron,
 Elas fono as que choraron,
 Elas fono as que dobraron
 Cand' os meus avós morreron.

      Elas fono as qu' alegriñas
 Me chamaban mainamente
 Nas douradas mañanciñas,
 De mi máa c' as cantiguiñas
 Y os biquiños xuntamente.

      Inda vex' onde xogaba
 C' as meniñas qu' eu queria,
 O enxidiño onde folgaba
 Os rosales que coidaba
 Y á fontiña onde bebia.

      Vexo á calle solitaria
 Qu' en paz baña un sol sereno,
 Sin que á trube man contraria,
 Igual sempre, nunca varia,
 Veiga llana en campo ameno.

      E tamen vexo enloitada
 D' Arretén á casa nobre
 Dond' á miña nay foy nada!
 Cal viudiña abandonada
 Que cay triste ô pe d' un robre.

      Ali esta sombra perdida
 Vós sin son, corpo sin alma,
 Amazona mal ferida
 Qu' ô sentir que perd' á vida
 Se adormece en xorda calma.

      Casa grande, lle chamaban
 Noutro tempo venturoso
 Cand' os probes á improraban.
 E fartiños se quentaban
 O seu lume cariñoso.

      Casa grande, cando un santo
 Venerable cabaIeiro (1)
 Con tranquilo, nobre encanto,
 Vaixo os priegues d' o seu manto
 Cobexaba o perdioseiro.

      Cand' os cantos ná capilla
Da gran casa resoaban
 Con fervor e fé sensilla
 Rico fruto d' á semilla
 Qu' os barons santos sembraban.

      Ora todo silensioso
 Caus' ali medo e pavura,
 Mora esprito temeroso
 Nos saIons ond' o reposo
 Fix' un niño c' a tristura.

      Risas, cantos, armonia,
 Brandas músicas, contento,
 Festas, dansas, alegria,
 Se trocou na triste e fria
 Xorda vós do forte vento.

      No gran patio as herbas crecen
 Vigorosas sin coidado,
 Y as silveiras que frorecen
 No seu tempo fruto ofrecen
 Os meniños sazonado.

      Y antr' aquel silencio mudo
 Qu' a trubar naide ali chega,
 Antre aquel ¡xa fùn! tan rudo,
 Vese inteiro un nobre escudo
 Qu' á desir non son se nega.

      Craros timbres mostra ufano
 Q'un soberbo casco airoso...
 Mais detras d' un son tan vano
 Vese ó probe orgullo humano,
 Homillado e polvoroso.

      Tras da calada visera
 Qu' hay uns ollos feridores
 Que nos miran, se dixera,
 Que nos din tod' é quimera
 Neste mundo de dolores.

      Casa grande! triste casa!
 Quen d'aquí tan soya miro
 Parda, escura, triste masa,
 Casa grande! pasa, pasa...
 Ti xa n'és mas qu' un sospiro.

      Meus avós ¡ay! xa morreron
 Os demais t' abandonaron,
 Os teus lustros pereceron
 Y os que millor te quixeron,
 Tamen de tí s' apartaron.

      Mes tras mes, pedra tras pedra
 Ti te irás desmoronando
 Ceñida por sintas d' edra,
 Mentras qu' outra forte medra
 Qu' asi o mundo vay rolando

 ........................................
 ........................................
 ........................................
 ........................................

      Mais que lus! que colorido
 Nos espaços se dilata!
 Luce ó sol descolorido
 Y arco d' iris xa nacido
 Longa sinta se desata.

      Como chove mihudiño,
 Como mihudiño chove,
 Como chove mihudiño,
 Pó-la banda de Laiño,
 Pó-lo banda de Lestrobe.

_________
  (I) As virtudes verdadeiramente evanxelicas d' este cavaleiro, tan amado d' os que ó conoceron, inspiráronme un libro que non tardarey en publicalo con o titulo de Historia de mi abuelo. Nel rindo un tributo d' admiración e amor, á aquel cuya mayor sabiduria, consisteu sempre en facer ó ben á ollos cerrados, e con man cariñosa.



<<<< >>>>