Cantares gallegos/Castellana de Castilla
21.
Castellana de Castilla
Tan bonita e tan fidalga,
Mais á quen para ser fera
Cá procedensia ll' abasta,
Decime, miña señora,
Xa qu'os mostrás tan ingrata,
Si ó meu rendimento homilde
Bascas d' enoxo vos causan,
Pois cand'onda vos me achego
Cuspis con ardentes ansas.
Y ese mirar de pombiña
Volvés en fosca mirada
Tornando en sombrisa noite
O dia qu'en sol se baña.
En vano intento señora
Saber por que me maltrata
Dama d'un alma tan nobre
Aunque soberba por fama
Pois né motivo á despreço
Sintirse tan ben amada,
Qu'as mesmas pedras señora
D'un bon querer se folgaran.
Din que na nobre Castilla
Asi os gallegos se trata,
Mais debe saber Castilla
Que de tan grande s'alaba
Que sempre á soberbia torpe
Foi filla d'almas bastardas,
E sendo vos tan sabida
Nunca de vó lo pensara
Que de tan alto baixando
Vos emporcases na lama.
Nin que chamandovos nobre
Tanta nobreza enfouçaras
Imitand'ós que vaidosos
No qu'está debil s'ensañan.
Pero mais val qu'enmudeça
Pois tés condicion d' ingrata
Que predicar en deserto
Na miña terra né usanza.
Si fun curpabr'en quereros
Coma ningun vos amara,
Por ser de terra gallega
E sérdes vos castellana.
En paz señora vos deixo
C'á vosa soberba gracia,
E voume á Galicia hermosa
Dond'en xuntanza m'agardan
O que no téndes señora
Y ó qu'en Castilla n'achara,
Campiños de lindas rosas
Fontiñas de frescas auguas
Sombra ná veira d'os rios
Sol nás alegres montañas
Caras que nacen sorrindo
E que sorrindo vos aman
E qu'inda mesmo morrendo
En sonrisiñas se bañan.
Ali, señora, contento
Cantando ó doce ala lala
Baixo á figueira frondosa
En baixo da verde parra
C' aquelas frescas meniñas
Que mel d'os seus labios manan
Cando en falar amoroso
Meigo nos din en voz maina.
Con tódalas de Castilla
Nobrisimas Castellanas
Olvidareivos sin pena
Anque sós vos, tan fidalga,
Qu'aló saben ser altivas
Pero non saben ser vanas
Y é facil con doces tomas
Olvidar tomas amargas.
Déchesmas vos mi señora
Con despreço envenenadas
Inda con fero mais fero
Que pelica de laranxa,
Mais teño por que me pase
Aquel sarrapio qu'escalda,
Teño un-ha dama nos Portos
Outra no Riveiro d' Avia,
Si á dos Portos é bonita
A dó Riveiro lle gana.
<<<< | >>>> |