Cantares gallegos/Queridiña d'os meus ollos


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




22.


      Queridiña d'os meus ollos
 Saberás como estou vivo
 Nesta vila donde adoito
 Dende que chegin de Xinzo.
 Saberás com'á Dios gracias
 Y ò escapulario bendito
 Non afogamos no mare
 Como coidaba Xacinto
 Qu'é tan valente á bofellas
 Com'os alentos d'un pito.
 Saberás como dempois
 Me puñeron moy vestido
 Con roupa azul e amarela
 Cal andan tódolos quintos
 E logo todos xuntados
 Inda mais de vintecinco
 Nos paseamos pó las calles
 Qu'era mesmo un adimiro
 De tan majos como ibámos
 De tan brancos e tan limpos.
 ¡Si me viras, queridiña,
 Cál outras qu'eu sei me viron!
 Cad' ollada me botaban
 Xa de traves, xa de fito...
 Y eran meniñas graciosas
 Con moita salsa no pico,
 Mais ningun-ha d'este peito
 Poido arrincarm' un sospiro.
 Qu'ó teu retrato ali estaba
 Rabuñando paseniño.
 Qu' anque d'onda ti partin,
 Prendiña que tanto estimo,
 Non vin soyo, miña xoya,
 Que tí viñeche comigo.
      Si souperas canto peno,
 Si souperas cal m' afrixo
 Cando m'acordo nas noites
 D'aqueles teus cantariños!...
 Ora en ti penso disperto,
 Ora en ti penso durmindo
 E sempre en ti estou pensando
 Coma si foses feitiço.
 Seique meigallo me deche
 Na festa do San Martiño
 Amasado c'os teus dedos
 Nun-ha bola de pan trigo.
 Mais nó no sinto por eso
 Qu'anque me deras martirio
 Por vir de ti queridiña
 Com'un año recibírao.
      Nada me distrai, Rosiña,
 Da pena que por ti sinto;
 De dia como de noite
 Este meu corazonciño
 Contigo de cote fala
 Por qu' eu falar ben ó sinto,
 Un falar tan amoroso
 Que m' estremeço d' oilo.
 Ay! qu'estrañeza me causa
 E soidás e martirio,
 Pois asi cal el che fala
 Quixera falar contigo
 Cal outros tempos dichosos
 D'os nosos amores finos.
      Cantas veces nos xuramos
 Cando lababas no rio
 O pe d' un alto salgueiro
 Antre risas e sospiros,
 Xa nunca mais separarnos
 Xa nunca mais desunirnos!
 Mais aqueles xuramentos
 Tal coma rosas d'espiño
 Lixeiriños s'espallaron
 A un sopro d'os ventos frios.
 Ora có mar de por medio
 ¡Adios amantes cariños!
 Nin ti me ves nin te vexo
 Aló na beira do rio,
 Naquelas crariñas noites
 De folga pó los domingos.
 As amoriñas maduran
 Nas silveiras d'os camiños,
 Naçen as froriñas brancas
 Por antr' as canas do millo.
 O rio pasa que pasa,
 Cantan nas pólas os xilgaros
 Todo está verd'e frondoso
 Todo está fresco e frorido,
 Solo nós Rosa faltamos
 Naqueles verdes campiños.

      Rosiña, dame un consolo
 Par' este dolor qu'eu sinto
 ¡Ay qu'os recordos me matan!
 Ay! qu'acabarán comigo!
 Di s'inda me queres moito
 Mandamo á decir pretiño
 Dime si gárdal'o pano
 Que che din por San Benito
 Qu'ó merquei na quinta feira
 Por doce cartos e pico.
 Dime tamen si deprendes
 Pó la cartilla de Cristus
 A lér como m'ofreceches
 Para ler os meus escritos,
 Qu' en sabendo algun-has letras
 Dempois irás traducindo.
 Eu xa lle perdin ó medo
 A escribiduras e libros
 Pois fago uns palotes netos
 De qu' eu mesmo m' adimiro
 Tan grandes como fungueiros
 E mais gordos sinon minto.

      Adios, espresiós che mando
 Pó lo burro de Camilo
 Que non sei cal che dirá
 Estas cousas que ll'esprico;
 Mais sabe miña Rosiña,
 Rosiña de doce olido,
 Que si ti xa ler souperas
 Os palotes qu'eu escribo,
 Escribírache un-ha carta
 Nas alas d'un paxariño.



<<<< >>>>