Cantares gallegos/Eu ben vin estar ó moucho


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




14.


     Eu ben vin estar ó moucho
 Enriba d' aquel penedo:
 ¡Non che teño medo moucho,
 Moucho non che teño medo!


                     I.

      Un-ha noite, noite negra,
 Com' os pesares qu' eu teño,
 Noite filla das sombrisas
 Alas que estenden os medos;
 Hora en que cantan os galos,
 Hora en que xemen os ventos,
 En qu' as meigas bailan, bailan,
 Xuntas có demo pirmeiro,
 Arrincando verdes robres,
 Portas e tellas fendendo,
 Todas de branco vestidas
 Tendidolos brancos pelos
 Contra quen os cans oubean
 Agoirando triste enterro;
 Cando relumbrar se miran
 Antr' os toxales espesos,
 Cal encendidas candeas
 Ollos de lobo famento,
 E os ramallaxes dos montes
 Antre sí murmuxan quedos,
 E as follas secas qu' espallan
 Os aires da noite inquietos,
 En remuiños se xuntan
 Con longo estremecemento;
 Indo camiño da Igrexa,
 Soya cós meus pensamentos
 Cabo da fonte da Virxe
 Pretiño dó cimeterio,
 Dempois de sentir un sopro
 Que me deixou sin alento,
 Eu ben vin estar ó moucho
 Enriba d' aquel penedo.


                     II.

      Arrepuïñadas todas
 As carnes se me puñeron
 E os cabelos no curuto
 Fórons' erguendo direitos:
 Gotas de sudor corrian
 Afio pó lo meu peito,
 E trembaba como tremban
 As auguas cando fay vento,
 Ná pia da fonte nova
 Que sempre está revertendo.
 Aquel moucho ali fincado,
 Cal si fose ó mesmo demo,
 Fito á fito me miraba
 Có seus ollos rapiñeiros,
 Que coidei que me roubaban
 Non mais que de lonxe velos,
 De lume me paresian
 E que me queimaron penso,
 Penso qu' eran tizós roxos
 Da fogueira dos infernos
 Que pó las niñas me entraron
 Hastr' ó corazon direitos
 En el remorsos habia
 D' amoriños pecadentos...
 ¡Ay! quen ten d' eses amores
 Non pod' achar bon sosiego!

      Chovia, si Dios ten augua,
 Ventaba en tódolos ventos,
 E ensarrapicada toda
 A camiñar non m' atrevo
 Qu' ó moucho fita que fita
 M' aspera na quel penedo.
 Mais acordeime da Virxe
 Que sempre conmigo levo,
 Resoll' un Ave-Maria
 E cobrando novo alento,
 Com' os páxaros do mare,
 Nadando, paso ó regueiro,
 Corro á enriba dó valado,
 Brinco en baixo dó portelo,
 E den' ali, berro estonces
 Con cantas forzas eu teño:
 Non che teño medo moucho,
 Moucho non che teño medo.



<<<< >>>>