Cantares gallegos/Prólogo


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 











       A Fernan Caballero.



   Señora: Por ser muger y autora de unas novelas hácia las cuales siento la mas profunda simpatia, dedico á V. este pequeño libro. Sirva él, para demostrar á la autora de la Gaviota y de Clemencia, el grande aprecio que le profeso, entre otras cosas, por haberse apartado algun tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones, con que se pretende manchar mi pais.


      Santiago, 17 de mayo de 1863.




    Grande atrevemento é sin duda par' un probe inxenio com' ó que me cadrou en sorte, dar á luz un libro, cuyas páxinas debian estar cheyas de sol, d' armonia, e d' aquela naturalidade que unida á un-ha fonda ternura, á un arrulo incesante de palabriñas mimosas e sentidas, forman á mayor belleza d' os nosos cantos populares. A poesia gallega toda música e vaguedade, toda queixas, sospiros, e doces sonrisiñas, mormuxando un-has veces c'os ventos misteriosos d' os bosques, briland' outras c' ó rayo de sol que cai sereniño por enriba d' as auguas d' un rio farto e grave, que corre baixo as ramas d' os salgueiros en frol, compriálle para ser cantada, un sprito subrime e cristaiño si asi ó podemos decir, un-ha inspiracion fecunda, com' á vexetacion que hermosea esta nosa privilexiada terra e sobre todo un sentimento delicado e penetrante prá dar á conocer tantas bellezas de pirmeiro orden, tanto fuxitivo rayo d' hermosura, como se desprende de cada costume, de cada pensamento escapado á este pobo á quen moitos chaman estúpido, e á quen quisais xuzguen insensibre, estraño a devina poesia. Mais naide ten menos qu'eu teño, as grandes cualidades que son precisas prá levar á cabo obra tan dificile, anque naide tampouco se pudo achar animado d'un mais bon deseo, prá cantar as bellezas da nosa terra naquel dialecto soave e mimoso, que queren facer barbaro, os que non saben que aventaxa âs demais linguas en doçura e armonia. Por esto, inda achándome debil en forzas, e nabendo deprendido en mais escola qu' á d' os nosos probes aldeans, guiada solo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan doçemente resoaron nos meus oidos desd' á cuna, e que foran recollidos po-lo meu corazon como harencia propia, atrevinme á escribir estos cantares, esforzándome en dar á conocer como algun-has d' as nosas poeticas costumes, inda conservan certa frescura patriarcal e primitiva, e com' ó noso dialecto doce e sonoro, é tan aproposito com' ó pirmeiro, para toda clase de versificacion.

    As miñas forzas é certo quedaron moito mais abaixo d' ó que alcançaran os meus deseyos, e por eso comprendendo canto poidera facer nesto un gran poeta, dóyome inda mais da miña insuficença. Ó libro d' os Cantares de D. Antonio Trueba, que m' inspirara e der' alento prá levar á cabo este traballo, pasa pó-Io meu pensamento com' un-hun remorso, e casi asoman as vagoas ôs meus ollos ô pensar como Galicia se levantaria hastr'ó lugar que lle corresponde, si un poeta como Anton ó d' os Cantares, fose o destinado prá dar á conocer as suas bellezas e ás suas costumes. Mais á míña infeliz patria, tan desventurada nesto como en todo ó mais, tense que contentar c' un-has páxinas frias e insulsas, qu' á penas serian dinas d' achegarse de lonxe âs portas dó Parnaso, como non fosse pó-lo nobre sentimento c' as creou. Qu' esto mesmo me sirva de disculpa, prá os que xustamente quirtiquen as miñas faltas, pois penso que ó que s' esforça por desvanecer os errores que manchan e ofenden inxustamente á sua patria, é acreedore á algun-ha indulxencia.

    Cantos, vagoas, queixas, sospiros, serans, romerias, paisaxes, debesas, pinares, soidades, ribeiras, costumes, tod' aquelo en fin que pó-la sua forma e colorido e dino de ser cantado, todo ó que tuvo un eco, un-ha voz, un runxido por leve que fosse, que chegase á conmoverme, tod' esto m' atrevin á cantar neste homilde libro prá desir un-ha vez siquera, y anque sea torpemente, ôs que sin razon nin conocement' algun nos despreçan, qu' a nosa terra é dina d' alabanzas, e qu' a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nás mais ilustradisimas províncias, c' un-ha risa de mofa, qu' á desir verdade (por mais qu' esta sea dura), demostra á iñorancia mais crasa y á mais imperdoable inxusticia, que pode facer un-ha provincia á outra provincia hirman por probe qu' esta sea. Mais he aqui qu' ó mais triste nesta cuestion, é á falsedade con que fora d' aqui pintan así ôs fillos de Galicia com' á Galicia mesma, á quen xeneralmente xuzgan ó mais despreciable e feyo d' España, cando acaso sea ó mais hermoso e dino d' alabanza.

    Non quero ferír con esto á susceptibilidade de naide, anque á decir verdade, ben poidera perdonarsell' este pequeno desafogo á quen tan ferida foy de todos. Mais eu qu' atravesei repetidas veces aquelas soledades de Castilla, que dan idea d' ó deserto; eu que recorrin á feraz Estremadura y á estensa Mancha, dond' ó sol cai á plomo alomeando monotonos campos, dond' ó cor d' á palla seca prest' un tono cansado ô paisaxe que rinde e entristece ó esprito, sin un-ha herbiña que distraya á mirada que vai perderse nun ceo sin nubes, tan igual e tan cansado com' á terra que crobe; eu que visitei os celebrados arredores d' Alicante dond' os olivos, có seu verd' escuro, sembrados en fila e de raro en raro parecen chorar de verse tan solitarios, e vin aquela famosa horta de Murcia, tan nomeada, e tan alabada, e que, cansada e monotona com' ó resto d' aquel paise, amostra á sua vexetacion tal como paisaxes pintados nún carton con árbores postos simetricamente y en carreiriños para divertision d' os nenos, eu non podo menos d' indignarme cand' os fillos d' esas provincias que Dios favoreceu en fartura, pero non ná belleza d' os campos, bulranse d' esta Galicia competidora en clima e galanura c'os paises mais encantadores da terra, esta Galicia donde todo é espontaneo na natureza y en donde á man do home, cede o seu posto á man de Dios.

    Lagos, cascadas, torrentes, veigas froridas, valles, montañas, ceos azues e serenos com' os d' Italia, horizontes nubrados e malenconicos anque sempre hermosos com' os tan alabados da Suiza, ribeiras apacibres e sereniñas, cabos tempestuosos qu' aterran e adimiran po-la sua xigantesca e xorda cólera... mares imensos... que direi mais? non hay pruma que poida enumerar tanto encanto reunido. A terra cuberta en tóda-las estacions de herviñas e de frores, os montes cheyos de pinos, de robres e salgueiros, os lixeiros ventos que pasan, as fontes y os torrentes derramándose fervedores e cristaiños, bran e inverno, xa po-los risoños campos, xa en profundas e sombrisas ondanadas... Galicia é sempre un xardin donde se respiran aromas puros, frescura e poesia... E á pesar d' esto chega á tanto á fatuidade d' os iñorantes, á tanto á indina preocupacion que contra á nosa terra existe, qu' inda os mesmos que poideron contemprar tanta hermosura (xa non falamos d' os que se bulran de nos sin que xamais nos hayan visto nin ainda de lonxe, que son os mais) inda os que penetraron en Galicia e gozaron d' as delicias qu' ofrece, atreveronse á decir que Galicia era... un cortello inmundo!!... Y estos eran quisais fillos... de aquelas terras abrasadas d' onde hastra os paxariños foxen!... que diremos á esto? Nada mais sinon, que taes fatuidades, respecto do noso pais, teñen algun-ha comparanza c' as d' os franceses ô falar d' as suas eternas vitorias ganadas ôs españoles. España, nunca, nunca os venceu, po-lo contrario sempre saleu vencida, derrotada, homillada, e ó mais triste d' esto é que vale antr' eles tan infame mentira, así como vale prá á seca Castilla, prá á deserta Mancha e prá tóda-las demais provincias d' España, —ningun-ha comparada en verdadeira belleza de paisaxe, có á nosa,— que Galicia é ó rincon mais despreciable da terra. Ben din que todo neste mundo está compensado, e ven asi á sofrir España d' un-ha nacion veciña que sempre á ofendeu á misma inxusticia qu' ela, inda mais culpabre, comete c' un-ha provincia homillada de quen nunca s' acorda, como non sea prá homillala índa mais. Moito sinto as inxusticias con que nos favorecen os franceses, pró neste momento casi lles estou agradecida, pois que me proporcionan un medio de facerlle mais palpabre á España á inxusticia qu' ela á sua vez conosco comete.

    Foy este ó movil principal que m' impeleu á pubricar este libro, que mais que nadie, conoço que necesita á indulxencia de todos. Sin gramatica, nin regras de ningun-ha clás, ó lector topará moitas veces faltas d' ortografia, xiros que disoarán ôs oidos d' un purista, pró ô menos, e prá disculpar en algo estes defectos, puxen o mayor coidado, en reprodusir ó verdadeiro esprito d' ó noso pobo, e penso qu' ó conseguin en algo... si ben de un-ha maneira débil e froxa. ¡Queira ó ceo qu' outro mais afertunado qu' eu, poida describir c' ó seus cores verdadeiros, os cuadros encantadores que por aquí s' atopan, inda no rincon mais escondído e olvidado! prá qu' asi ô menos en fama, xa que non en proveito, gane e se vexa c' o respeto e adimiracion merecidas esta infortunada Galicia.


<<<< >>>>