Cantares gallegos/¿Qué ten ó mozo?
Cantares gallegos Rosalía de Castro 1872 (2ª edición) [1]
27.
I
¿Qué ten ó mozo?
Ay!, ¿qué terá?
Ponm' agora unha cara d' inverno,
Despois na fiada ¡sonrisas de tal!.....
Quer que baile con él n' o muiño,
Y aló pó-la vila, nin fala quixais.....
¿Qué ten ó mozo?
Pois... ¿qué terá?
Unhas veces, canciño de cego,
Por' ond' eu andare seguíndome vay;
Nin hai sitio dond' eu non atope
Un Bras con cirolas, y os zocos na man.
Ay! qué mociño.....
Ay! qué rapaz!
N' outro instante ¡mirá que fachenda!.....
Atruxos qu' asombran ó mesmo lugar.
Brrr!!! parece que pasa soberbo,
Mandando nos homes su real maxestá.
Mociño ¿és tolo?
Ay! ¿s' ó serás?
Eu non podo entender, meu amore,
Qu' airiños te levan, q' airiños te trân,
Nin tampouco cal xeito te cadra,
Tratándose, mozo, d' ó teu namorar.
Ay! Dios me libre,
De ti, bon Bras!
Que no meu entender t' acomparo,
Ô mesiño de Marzo marzal:
Pó-la mañán, cariña de rosas;
Pó-la tarde, cara de can.
¡Mala xuntanza
Facemos! ¡Ay!!
II
¿Qué di a meiguiña,
Qué di á traidora?
Corazón qu' enloitado te crubes,
C' os negros desprezos qu' á falsa che dona,
¿Por que vives sofrindo por ela?,
¿Por qué namorado, de pena saloucas?
S' ela é bonita,
Ela é traidora.
Di con mengua de min que non sabe,
Qu' airiños me viran veleta mal posta.....
Que ch' ó digan, rapaza, os teus ollos,
Qu'agora me chaman, dempois me desbotan.
Qu' anqu' és bonita,
Eres traidora.
S' unhas veces amante che falo,
E s' outras renego de ti..... ¡pecadora!
¿Cales auguas respousan serenas,
S' ó vento qu' as manda rebole antr' as ondas?
E ti ben sabes
Qu' és revoltosa.
Son canciño de cego en quererte.....
Tal bulra merece quen ama sin conta,
Pois c' os zocos na man ou sin eles
Âs portas d' ó inferno seguindote fora.
Tal estou tolo,
Tal és graçiosa.
Que de Marzo marzal teño á cara!.....
Quixais qu' asi sea, mais ti, miña xoya,
Tamén és cal rayola de Marzo,
Qu' agora descubre, qu' agora s' entolda.
Iguales semos,
Nena fermosa.
- ↑ Este poema non aparece na primeira edición, de 1863.
<<<< | >>>> |