Abrir o menú principal


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 



                    8.   (10.) [1]


      «Quixente tanto, meniña
 Tívenche tan grande amor,
 Que para min eras lua,
 Branca aurora e craro sol;
 Augua limpa en fresca fonte,
 Rosa do xardin de Dios,
 Alentiño do meu peito,
 Vida do meu corazon.»
 Asi che falin un dia
 Camiñiño de S. Lois,
 Tod' oprimido d' angustia,
 Todo ardente de pasion;
 Mentras que ti m' escoitabas,
 Depinicando un-ha frol,
 Por qu' eu non vise os teus ollos
 Que refrexaban traiciós.
 Dempois que si me dixeches,
 En proba de teu amor,
 Decheme un carabeliño,
 Que gardin no corazon.
 Negro carabel maldito
 Que me fireu de dolor!
 Mais á pasar pó lo rio
 O carabel afondou!...
 «Tan bó camiño ti leves
 Com' ó carabel levou.»

  1. Levou o número "8." na edición orixinal (1863) e o "10." na segunda edición (1872), corrixida e aumentada.



<<<< >>>>