Cantares gallegos/Un repoludo gaiteiro
7.
Un repoludo gaiteiro
De pano sedán vestido,
Com' un principe cumprido,
Cariñoso e falangueiro,
Antr' os mozos o pirmeiro
E nas siudades sin par,
Tiña costum' en cantar
Aló po la mañanciña,
Con esta miña gaitiña
Ás nenas ei d' engañar.
Sempre pó la vila entraba
Con aquel de señorio,
Sempre con poxante brio
Co tambor s' acompasaba:
E si na gaita sopraba
Era tan dulce soprar,
Que ven fixera en cantar
Aló po la mañanciña,
Con esta miña gaitiña
As nenas ei d' engañar.
Todas por él reloucaban,
Todas por él se morrian,
S' ó tiñan cerca, sorrian,
S' ó tiñan lonxe, choraban:
Mal pecado! non coidaban
Que c' aquel seu frolear
Tiña costum' en cantar
Aló pó la mañanciña,
Con esta miña gaitiña
As nenas ei d' engañar.
Camiño da romeria,
Debaixo d' un-ha figueira,
Canta meniña solteira
¡Querote! lle repetia...
Y él c' á gaita respondia
Por á todas envoucar,
Pois ven fixeira en cantar
Aló po la mañanciña,
Con esta miña gaitiña
As nenas ei d' engañar.
Elas louquiñas bailaban
E por xunta d' el corrian,
Cegas... cegas que non vian
As espiñas qu' as cercaban;
Probes palomas buscaban
A luz qu' as iba queimar
Pois qu' el soupera cantar
Aló po la mañanciña,
Ó son da miña gaitiña
As nenas ei d' engañar.
¡Nás festas, canto contento!
¡Canta risa nas fiadas!
Todas, todas namoradas
Deranll' ó seu pensamento;
Y él que d' amores sedento
Quixo á todas engañar,
Cand' as veu dimpois chorar
Cantaba nas mañanciñas,
Non sean elas toliñas
Non veñan ó meu tocar.
<<<< | >>>> |