Cantares gallegos/Vaite noite


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




30.


       ALBORADA. (1)

                I.

      Baite noi-
 te—Bay fuxin-
 do—Vent' auro-
 ra—Vent' abrin-
 do—C' ó teu ros-
 tro—Que sorrin-
 do—A sombr' espanta!!!

      Canta!...
 Paxariño can-
 ta—De pónliñ' en pón-
 la—Qu' ó sol se levan-
 ta—Pó-lo monte ver-
 de—Pó-lo verde mon-
 te—Alegrand' as hér-
 vas—Alegrand' as fon-
 tes!...

      Canta, paxariño alegre,
 Canta!
 Canta porqu' ó millo medre,
 Canta!
 Canta por qu' á luz t' escoite
 Canta!
 Canta que fuxeu á noite.

      Noite escura
 Logo ven,
 E moito dura
 C' ó seu manto
 De tristura,
 Con meigallos
 E temores,
 Agoreira
 De dolores,
 Agarimo
 De pesares.
 Cubridora
 En todo mal.
 Sal!!...

      Qu' auroriña
 O ceu colora
 C' uns arbóres
 Que namora
 C' un sembrante
 D' ouro e prata
 Teñidiño
 D' escalrata.
 C' uns vestidos
 De diamante
 Que lle borda
 O sol amante
 Antr' as ondas
 De cristal.

      Sal!...
 Señora en todo mal,
 Qu' ô sol
 Xa brila
 Nas cunchiñas do areal.
 Qu' á luz
 Do dia
 Vist' á terra d' alegria,
 Qu' ó sol
 Derrete con amor á escarcha fria.


                II.

      Branc' auro-
 ra—Ven chegan-
 do—Y âs porti-
 ñas—Bay chaman-
 do—D' os que dor-
 men—Esperan-
 do—O teu folgor!...

      Cor...
 D' alba hermosa
 Lles estende
 Nos vidriños
 Cariñosa,
 Dond' ó sol
 Tamen suspende,
 Cand' aló
 No mar se tende
 De fogáx
 Larada viva
 Dempois leve
 Fuxitiva
 Triste vago
 Resprandor.

      Cantor
 D' os aires,
 Paxariño alegre
 Canta,
 Canta por qu' ó millo medre
 Cantor
 D' aurora
 Alegre namorado
 As meniñas dille
 Que xa sal ó sol dourado.

      Qu' ó gaiteiro
 Ben lavado
 Ben vestido
 Ben peitado,
 Da gaitiña
 Acompañado
 A porta está!...
 Xá!...

      S' espricando
 Que t' esprica
 Repinica
 Repinica,
 N' alborada
 Ben amada
 Das meniñas
 Cantadeiras,
 Bailadoras,
 Rebuldeiras,
 D' as belliñas
 Alegriñas,
 D' as que saben
 Ben ruar.

      Arriba!
 Todas, rapaciñas do lugar,
 Qu' ó sol
 Y á aurora xa vos vén á dispertar:
 Arriba!
 Arriba toleirona mocidád!
 Qu' atru—
charemos—cantaremos ó ala... lá!!!..


  (1) A mais grande dificultade qu' achey prá escribir esta alborada, foy ó meu deseyo de que sahise nun todo arregrada á música. Conseguin esto, pró foy á custa dá poesia, non podia ser d' outro modo, cando se dá c' un aire tan estraño e tan dificile de acomodarlle letra algun-ha.



<<<< >>>>