Cantares gallegos/Miña santa Margarida
29.
Miña santa Margarida,
¿Con quen t' ei de comparare?
Coma ti non vin ningun-ha,
Nin na terra, nin no mare.
Coma ti, Santa bendita,
Tan garrida, e tan presiosa,
Nin brilou ningun-ha estrela,
Nin s' abreu ningun-ha rosa.
Nin luceiro nin diamante,
Nin luniña trasparente,
Luz verteu mais cariñosa
Qu' ó teu rostro relucente.
Nin as froles do xilmendro
Nin á rosa purpurina,
Nin as neves da montaña
Nin fulgor da mañanciña.
Nin alegre sol dourado
Nin corrente d' augua pura,
Miña santa Margarida,
Ch' asemella en hermosura.
¿Con quen t' ei de comparare
Miña santa Margarida,
Si ti foche anxel d' amore
Pó-los anxes escollida?
Solo á virxe é mais hermosa
Qu' eres ti, bendita santa,
Y ó teu rostro pelegrino,
O temido demo espanta.
De tí, vivo namorada,
En tí penso con fervore
Qu' eu ben sei que che contenta
Este puro e santo amore.
Quen poidera!... quen poidera!..
Xunta ti vivir segura,
Manantial que mel derrama
Pura fonte de ternura!
Onda ti, lonxe do mundo,
Tan feliz m' acobexara
Qu' en jamais ô pracer vano
Este meu mirar tornara.
Que no monte onda ti moras
Tan bon aire se respira,
Que ó que mais do mundo foxe,
Solo ali por Dios suspira.
Miña santa Margarida,
Miña Margarida santa,
Tendes a casa no monte,
Donde ó paxariño canta.
<<<< | >>>> |