Consellos da tía Fuca á súa sobriña


Consellos da tía Fuca á súa sobriña       Xoán Manuel Pintos       1858
 


Cata, Minga, que non vaias
tan de cotío ó liceo,
que metida no bureo
escorregues e te caias,
e que dimpois das gandaias
non queiras deixarte ver,
decindo para ti sola:
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Arrédate de ir deitada
cando bailes na parexa,
que pareza a quen te vexa
que fas dela unha almoada;
pois tal moda é mal mirada
e perderas do teu ser
deixando correr a bola:
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Non premitas que á traseira
leve a túa branca man
o bailador que galán
querse far de tal maneira;
pois semellante estragueira
amingúa unha muller
posta así a carón da cola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Nin leves mui estricados
os brazos no movimento,
como os muíños de vento
coas aspas arruallados.
Tales bailes atrancados
son adoitos a Citer,
que, a quen a precura, enrola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Si dás mui larga a pasada
como galga canaveira,
muller mol da calcañeira
chamarante, e escarranchada.
Non bailes, pois, á pernada
que botarás a perder
máis que o miriñaque e póla6.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Non andes a recuadas
agarrada no varón,
que é mui fea procesión
entre xentes recatadas.
E con esas topetadas
guindada ao8 chan podes ser
e rirse de ti a riola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Xa sabes que hai unha alaxe
que a ningunha outra se amolda,
e si creba non ten solda
nin remendo tal estraxe,
quedando fanada a imaxe
sin o fecho do pracer,
cal veiga aberta que agrola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Polo moito rozamento
vaise luíndo a moeda,
e sendo nova se queda
sin lustre nin valimento.
Quen, pois, tanto achegamento
do corpiño vai facer
busca perda e carambola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Non te fíes do dulciño,
que sole causar empacho,
dándolle franco despacho
entre chanzas e cariño.
Que hai muito deño manquiño
que muda calquera ser,
anque pague a súa esmola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Cuidado cun inchapapo
que non ten resolución
debaixo de un correón
máis duro que un gordo sapo.
E vindo a furo o farrapo
varredoiro vén a ser
que calquer can o desfola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Quen quixer chegar alí
que non vaia polo atallo,
pois si caes nun traballo
ninguén o pasa por ti.
Cata que o refrán13 nos di:
a que así o quixere ter,
que tamén o munxa sola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
O lume preto da estopa
xa sabes, Minga, o que fai;
de filla se pasa a nai
máis presto que vira a copa.
Mira cómo fa-la sopa
e companguiño, muller,
si con allo ou con cebola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Si bailas, baila muiñeiras
que non teñen rozaduras,
nin descompostas posturas
desas bailas estranxeiras.
As mozas mui churrusqueiras,
que voantes queren ser,
poden fender a cachola.
“Polo rabo da culler
vai subindo o gato á ola”.
Non se opoñen á alegría
bo modiño e compostura,
o respeito e a finura
de que sempre a corda fía.
Cal xoia de gran valía
debe estimarse a muller,
sin farse parva nin tola.
“E así non porá culler
para ir o gato á ola”.

Bibliografía

editar