Dándome parte Faustino Domínguez de su casamiento
Dándome parte Faustino Domínguez de su casamiento con Luísa Coumes Gai
le contesté en 13 de marzo de 1843 a la suya del 6 del mismo lo siguiente Xoán Manuel Pintos 1843
Crescite & c.
Sin mirar ó Doctor Gall,
Faustino, e sin muito enseño,
xa che dixen meu amigo:
teu carís non é de Crego.
N’ has de tirar pola Igrexa
nin pedir ningún emprego
qu’ arrisque a túa saúde
contra o primeiro preceuto.
Así foi; nin ¿quen diría
o contrario do que asento
se te vira andar ás turras
como eu te vin noutro tempo?
¿Todas aquelas festiñas,
idas e voltas, paseos
de día e noites de vran,
bailes e triscas d’ inverno,
aqueles papés escritos
en pequeniños carreiros
e máis outras xirigonzas
que deixo aquí no tinteiro,
eran por abrir coroa,
ou por ganar xibaleo?
Luísa das Rulas,
responde ti a esto
e dime si foron
os teus ollos pretos
os qu’ enfeitizaron
ó teu compañeiro;
s’as túas olladas
con ganchos d’aceiro
cravadas en el
puxérono a xeito
e cal un peixiño
caído no anzuelo
chegárono a ti
a carón do peito.
Muito me folgo, Faustino,
de verte xa no meu gremio
e que che teñan envexa
unha chea de lavercos,
qu’andan catando nas uvas,
sin deixar recimo inteiro,
sempre as mesmas panxoliñas
sin migalla de proveito.
¿Eses lambós, lacazás,
palanquíns e máis fedellos,
escoleres, maricallos,
maloutáns e galdrupeiros,
que foxen como do lume
do sétimo sagramento,
sentirán na súa vida
o máis doce sentimento
das máis doces badaladas
que dá o corazón no peito
cando coa muller lexítima
parte o casado o seu leito?
Malpecado, de remorsos
anque rían andan cheos,
e non deixan de lembrarse
de certo refrán dos vellos:
“Quen co demo cava a viña
vendimia a viña co demo”.
Dime, Faustino,
¿non é esto certo
e qu’as laverquiñas
d’aqueles lavercos
non miran á xente
xamais por dereito
e foxen das rúas
e mais do paseo?
S’ amostran, ás veces,
co seu rostro aceso,
o fruto vedado
dos seus regodeos,
axiña lles chantan
os ollos, os dedos,
sobre elas fitando
rapaces e vellos.
Non tema Luísa
tamaño desprezo,
pois compre coas leis
da terra e do ceo.
E, cando un traslado
tivere co tempo
e se vexa toda
nun humano espello,
alí gozará
praceres sin termo,
e reloucará
dicíndolle ó neno:
“Penliña da casa,
solsiño do eido,
cariña de anxo,
serafín dos nenos,
son os teus coquiños
meiguices do ceo”.
Poralle o biquiño
a rente do peito
nas fontes da vida
do esquerdo e direito.
Daralle apretiñas
e bicos a eito.
Poralle unha figa
e un evanxello,
que no´o firan d’ollo
as bruxas e meigos.
Dempois erguerao,
irao mecendo
con mil amoríos,
louquices facendo
e peneirarao,
cantándolle arreo
cantigas d’arrolo,
cantigas dos nenos.
E mais as de veces
con muito contento
dirá mui gozosa
ao son do pandeiro:
”Mirade Faustiño,
Faustiño, o pequeno,
fillo de Faustino,
o novo arquiteuto”.
A pinta do ollo
xa dis que, co tempo,
fará como o pai
os mesmos inxenios.
E anque esto faga
no medio do pueblo,
¿quen s´estreverá
a poñerlle pero?
Dios vos faga ben casados,
sobre o cal no m’arreceo,
pois mirando para a folla
xa se conoce o pereiro.
Ela é branda e amorosa,
cuitadiña e de sosego,
virtuosa coma a máis,
recollida sin defeuto.
Fará boa casadiña,
darache fillos ben feitos,
cuidará muito de ti,
será muller de goberno.
Tanto fai boa crianza,
tanto fai o bo enseño,
tanto pode sobre os fillos
de pais cristianos o enxempro.
Cando vaias á par dela,
parolando de recreo,
cántos da parte de fóra
dirán para os seus adentros:
”¡Quen fora como Faustino!
¡Quen de corazón tan reuto!
¡Quen de tan boa conduta!
¡Quen tivera o seu talento!
¡Canté! qu’algunha xoíña
coma a qu’el leva, co tempo,
s’axuntara con nosoutros
naquel mesmo axuntamento.
Velos aí van polas rúas
eses dous mozos ben feitos,
cada un deles leva ao lado
a mitá do mundo inteiro”.
Non te babes, toleirón,
non te babes, que é ben certo,
que xa me pasou a min
o que che está sucedendo.
Dios vos faga ben casados
volvo a decir, arquiteuto,
n’arriedes as virtudes
qu’o demais virá de seu.
Vivirás d’esa maneira,
cheo de amor e contento,
co esa mansa ovelliña
que só para ti naseu.
Bibliografía
editar- Xove Ferreiro, Xosé (1999). "O primeiro texto galego coñecido de Juan Manuel Pintos", Homenaxe ó profesor Camilo Flores. T. II, Literaturas específicas. Facultade de Filoloxía. Universidade de Santiago, pp. 736-739.