Follas novas/Miña casiña, meu lar




         Miña casiña, meu lar,
      Cantas onciñas
      D'ouro me vals


   Vin de Santiago a Padrón
Un chover que era arroiar
Descalciña de pé e perna,
Sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
Ricas cousas que mercar,
I anque ganas tiña delas,
Non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendia
A cousas de bon gustar,
Mais o que non tén diñeiro
Sin elas tén que pasar.
Fun chegando á miña casa
Toda rendida de andar,
Non tiña nela frangulla
Con que poidera cear,
A vista se me barría,
Que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
Que tiña todo a fartar,
Pedinlle unha pouca broa
E non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían,
Que me fora a avergonzar
Volvinme á miña casiña
Alumada do luar;
Rexistrei cada burato
Para ver de algo atopar;
Atopei fariña munda,
Un puniño a todo dar.
Vino no fondo da artesa.
Púxenme a Dios a alabar,
Quixen alcende-lo lume,
Non tiña pau que queimar;
Funlle a pedir a unha vella;
Tampouco mo quixo dar,
Sinón era un toxo verde
Para me facer rabiar.
Vivín triste como a noite.
A chorar que te chorar;
Collín un feixe de palla,
Do meu leito o fun pillar;
Rexistrei polo cortello
Mentres me puña a rezar
E vin uns garabulliños
E fieitos a Dios dar.
¡Meu San Antón milagroso,
Xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
Con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
Na cinza, vin relumbrar
Un ichabo da fertuna...
¡Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
O fun en sal a empregar;
Máis contenta que unhas pascoas
Volvín a porta a pechar,
E na miña horta pequena
Unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
Que o ben soupen aforrar,
E ca fariñiña munda,
Xa tiña para cear.
Fillen un caldo de groria
Que me soupo, que la mar;
Fixen un bolo do pote
Que era cousa de envidiar;
Despois que o tiven comido,
Volvín de novo a rezar;
E despois que houben rezado
Puxen a roupa a secar,
Que non tiña fío en xoito
De haber tanto me mollar,
Nantramentras me secaba,
Púxenme logo a cantar
      Para que m'oiran
      En tod'ó lugar:

         Meu lar, meu fogar,
      Cantas onciñas
      D'ouro me vals.



<<<< >>>>