O divino sainete/Canto VIII

O divino sainete.


O divino sainete - Canto VIII       Manuel Curros Enríquez      
 



   Os dous agardando a hora
de ir xantar co Santo Padre,
botamos do tempro fóra,
   E pra poder aprecíalos,
fomos ver as galarias
da exposición dos regalos.
   Canto en sigros dazanove
o temporal poderío
ten arrapiñado ó probe;
   Canto se ten apropeado
a garra cardealicia
i o ventre do episcopado,
   Alí está, en montós xigantes
de oriental magnificencia
-dende as peiras i os diamantes
   Hastra a prata e ouro fino-
enormes bostas guindadas
do católico intestino.
   Diante daquela cruxía
de exprendores, onde o mesmo
loce xunta i a porfía
   Toda a pompa i a riqueza
que encerra o mundo do arte
ou garda a naturaleza,
   Acordeime dos que fozan
na térra, dos que non comen,
dos que non ríen nin gozan;
   Do labrego que traballa
pra manter muller e fillos
e dorme en mollos de palla;
   Do probé vello baldado,
sin agarimo no inverno,
de porta en porta arrastrado;
   Do neno que emporranchiño,
orfo, perdido na fraga,
garda o gando dun veciño;
   Do frío lar, que dá medo;
dos hórreos sin grau, das vacas
sin leite, do arado quedo...
   E cun amargor sin nome:
-¡Cantos sudan neste mundo
-pensei- pra que folgue un home!
   I Añón, cal se me escoitara:
-¿Logo seique tes envexa?
-dixome-; pois ben, repara:
   Iste calis esmaltado
desaparecen da igrexa
de Ousende o ano pasado.
   Esta custodia esculpida
foi da ermida de Seixalvo,
noites atrás sustraída.
   Canto tes diante os teus ollos
débese da fe á ganzúa,
que non respeta ferrollos.
   ¿E queres con tal grandeza
facer a sorte dos probes?
¡Pois pídeslles boa limpeza!
   Contra todo espolio feito
ós pobos cabe interdiuto...
-¿Que entendes ti de Dereito?
   Os bens non inventariados
son do primeiro que os pilla,
diquiridos ou roubados.
   E se o que os furta acontece
ser xente de sacristía,
o ladrón nunca aparece.
   Iniquidá, desacato,
o que queiras...; mais é forza
respetar ó Concordato-.
   Asi o meu vello falaba,
cando tivemos aviso
de que León XIII agardaba.
   -Vamos alá -dixo o vate;
e correndo unha cortina
de veludo cor granate,
   Nun camarín penetramos,
onde xa sentado á mesa
ó Padre Santo miramos.
   -Sentaivos tamén -nos dixo;
requeneou catro preces
o pan i as ostras bendixo,
   I en tanto unha copa enteira
de viño vello apuraba,
faloume desta maneira:
   -Sei quen es: se o non soubera,
o que berrache en San Pedro
craramente mo dixera.
   Ti ves, cantor galiciano,
dunha raza que odeou sempre
o predominio romano.
   Alá do monte Medulio
nas ladeiras, inda os ósos
relocen, ó sol de xulio,
   De teus avós, que, brandindo
contra o Imperio a fouce céltica,
un a un foron caíndo.
   Pero dos conqueridores
pasados, dos mortos déspotas,
Césares i Emperadores
   O Papa non é o herdeiro:
sonó os reis que hoxe gobernan,
castigo do mundo enteiro.
   ¡Ai! Olla: por toda a térra
érguese un bafo de morte
que os espíritus aterra.
   Naciós de todas as trazas,
homes de todos os crimas,
xentes de todas as razas
   Míranse con ollo airado,
búscanse us ós outros i alzan
no aire o puño pechado.
   O fillo do Norte, frió,
desputa ó do Oriente, inquieto,
da fronteira o señorío;
   Recrama o galo ó xermano
as térras que lie detenta;
do ingrés recea o italiano;
   Rifc Amércea coa Europa;
os arsenás funden ferro;
os cuartés dispoñen tropa;
   Roda polo espacio un vento
de asolación e exterminio
que escurece o firmamento...
   Treme o chau, vacila a roca;
¡rompe en cada peito un ódeo
e un ultraxe en cada boca!

                    —

   I aquí o Papa, outro traguiño
botando, excramou: -¡Que tempos!
I Añón responden: -¡Que viño!
   -No medio de loita tanta
sóio hai paz -tornou León XÍII-
no seo da Igrexa santa.
   ¡E chamádesme tirano
a min, triste prisioneiro
na cárcel do Vaticano!
   -Perdóneme súa mercede
-dixen entón-; pero coido
que mentres a Santa Sede
   Os bens temporales ame
e insulte coa súa riqueza
os que se morren de fame;
   Mentres o Papa, que o trono
das almas herdou somentes,
queira ser do mundo dono,
   I a peí do pascoal Carneiro
trocando en coraza, trate
de convertirse en guerreiro,
   A obra papal será impía;
non de paz, de turbulencia;
non de orde, de tiranía.
   De Cristo a místeca esposa
fixo nefando adulterio,
i a súa falta vergonzosa
   Non terá perdón divino
senón cando a Cristo torne
dos brazos de Costantino.

                    —

   Añón pegoume co codo
como quen di: " ¡ Non te escurras!",
e León falou deste modo:
   -¡Ah! ¡Como ó teu beizo asoma
o afán do mundo! Ti pides
que o Papa abandone Roma...
   ¡E ben! Agradarche quero;
deixarei Roma os romanos,
quedareime en coiros...; pero
   Cando dos bens me despoxe
que a tradición me legara,
e que gardei hastra o de hoxe,
   ¿Terá a Igrexa quen lle acuda?
-¡Vinte sigros pedricando
caridade pra esa duda!
   ¡ Señor ¡ O mundo moderno
non é, como o mundo antigo,
a imaxe viva do inferno.
   Os pobos están chamados
a rexilo: cando trunfen,
cando do chau levantados
   O himno canten da Vitoria,
volveranse a Dios, i os ceos
resprandecerán de groria.
   I entón, Señor, non temades
pola Igrexa, que ela é barca
que flota nas tempestades.
   Estas democracias novas
son feitas de amor e gastan
a piedade por arrobas.
   ¡Amádeas! ¡Que ollen e vexan
que Cristo está da súa parte
mentres loitan e pelexan?
   Quédese a rabia pros lobos:
¡Cristo era bon, era homilde!
i a humildá cautiva ós pobos

                    —

   Tal falei. Anón estaba
páledo; volvín a testa
e vin que o Papa... choraba.
   -¿Que ten, señor? -¡Esto é feito!-
repricoume; e naquel punto,
erguendo o busto escorreito,
   Marmurou: -Ide e anunciade
que o Papa renuncia a Roma
pra vivir da caridade.
   Dende hoxe a miña facenda,
todo o que eu teño é dos probes;
que as naciós poñan en venda
   Canto for meu; ¡desto en pago
non quero máis, se me dades,
que unha coviña en Santiago!-
   Sentinme entón conmovido
tamén; o Papa marchouse,
i eu de Añón sempre collido,
   Botei fóra do palacio
e respirei fortemente
o vento libre do espacio.

                    —

   Aquela noite saimos
de Roma eu i o vate. Apenas
os dous no vagón nos vimos
   De volta pro chau paterno,
díxenlle: -Mestre, ¿que pensas?
-Que é un gran viño o de Falermo.
   -¿Dudas dos votos formales
do Papa? -¡Nunca se compren
os programas liberales!-
   Logo de chegar a España,
Añón tornouse ó comando
da súa Santa Compaña,
   I eu, do que vin parvo e mudo,
desde entón creo.. ou non creo...
pero dudar, ¡xa non dudo!

Anterior:
Canto VII
O divino sainete